A Guarda adxudica as obras de mellora na Praza de Abastos

Cun orzamento de preto de 50.000€

A Guarda |O Concello da Guarda ven de adxudicar as obras de mellora da Praza de Abastos da localidade, consistentes na substitución do pavimento interior actual por gres cerámico antibacteriano, a adecuación de dous postos que se sacarán a concurso xunto a outros que se atopan baleiros na plan ta inferior, e a creación dunha zona de lecer coa apertura da terraza frontal coa intención de que o seu uso se complemente no futuro cos servizos dunha cafetería ou establecemento similar.

Desde fai case unha década as intervencións para acadar unha mellora das instalacións do mercado teñen sido prioridade para o Equipo de Goberno. Entre estas intervencións atopamos obras e actuacións de diversa índole dirixidas a mellorar:

– As condicións do edificio (arranxo da cuberta, solución aos problemas de filtracións e humidade, substitución do pavimento da planta inferior, reforma dos baños das escaleiras ou substitución de luminarias por LED).

Plano das obras a executar na praza de Abastos.

– As condicións de traballo dos praceiros e praceiras, así como a satisfacción da clientela (instalación de portas automáticas de cristal para mellorar a sensación térmica, creación de varias zonas de descanso, instalación de fío musical ou construción dunha zona de lavado de utensilios de traballo).

– A accesibilidade do edificio (instalación do ascensor, creación dunha rampla de acceso na rúa Julián López, construción dun aseo accesible ou a creación de prazas de aparcamento para persoas de mobilidade reducida nas inmediacións).

– Aspectos estéticos (pintado das paredes, adquisición de mostradores-expositores para os postos de venda ambulante, decoración de Nadal, colocación de lonas decorativas ou renovación das antigas portas de madeira).

O total invertido desde o 2013 nestas instalacións ascende a 332.339,10€ dos cales máis de 80.000€ corresponden a aportacións municipais e o resto proveñen de subvencións a nivel provincial e autonómico.

Unha vez finalizadas estas obras só quedará por levar a cabo a última das fases para a modernización da Praza de Abastos e que consistirá nun proxecto de mellora estética máis acorde a estes tempos. Esta reforma a nivel estético, na que se prevé inverter outros 100.000€, pretende converter un mercado no que xa podemos atopar produtos dunha calidade moi alta, nun espazo no que ademais resulte máis que agradable mercar.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!