A folga do sector do siderometal obriga a cancelar o 13º Salón do Automóbil de Ourense

Para poder garantir a seguridade dos visitantes e dos traballadores

Ourense | “Para Acauto é unha prioridade absoluta evitar os graves trastornos que, con motivo da folga do sector do siderometal supoñería celebrar o salón nas datas previstas dado que a acción dos piquetes impediría celebrar con normalidade esta actividade.

Para poder garantir a seguridade dos visitantes e dos traballadores, que ademais non se atopan encadrados no ámbito de aplicación do convenio do siderometal senón no convenio colectivo do comercio de Ourense e, que non sufran danos os máis de 300 vehículos que formarían parte do salón, nun acto de responsabilidade entendemos que ha de cancelarse a celebración”.

Os asociados de Acauto, por unanimidade, lamentan ter que tomar esta decisión, tendo en cuenta o que representa este sector para Ourense. Segundo Acauto, forman parte da asociación vinte empresas que xeran 400 postos de traballo directos, converténdoo nun motor e dinamizador da economía ourensá.

As graves consecuencias que terá cancelar este salón- sostén Acauto- afectarán negativamente os ourensáns que perderán a oportunidade de asistir a unha cita que ten unha gran acollida por un feito totalmente alleo ao sector; ás empresas que participan, polas perdas irrecuperables nas vendas que nos supoñerá como provincia ter aínda menos relevancia no mercado nacional; tamén afectará a Expourense que verá non só alterado o calendario feiral senón que lle supoñerá un quebranto importante nos seus ingresos; verase tamén afectada a colaboración solidaria coa entidade Cáritas que non poderá recibir os ingresos que esta actividade todos os anos xéralle. Na foto, manifestantes do sector do metal hoxe en Ourense.