A festa etnográfica de Loñoá (O Pereiro de Aguiar) amosa oficios tradicionais de Galicia

Os participantes proveñen de diferentes países e colaboran na organización

O Pereiro de Aguiar | A Xunta de Galicia contribúe á recuperación da festa etnográfica de Loñoá a través dun campo de voluntariado. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe os participantes desta actividade enmarcada na campaña de verán. Tamén participou na visita o alcalde do concello, Luís Menor Pérez.

O campo de voluntariado do Pereiro de Aguiar ten a particularidade de incluír a organización da festa etnográfica de Loñoá, recuperada hai catro anos e na que se poñen en valor os oficios tradicionais, tal e como a olería, cestería, talla en madeira, apicultura ou elaboración de instrumentos musicais. O obxectivo principal é evitar que se perda esta tradición e poñer en valor esta riqueza intanxible.

Os participantes tamén colaboran na recuperación de xogos tradicionais e na novidosa creación de recursos audiovisuais para a súa difusión por internet. A festa etnográfica de Loñoá terá lugar o domingo 6 de agosto e inclúe música, danza e gastronomía tradicional.

Os 11 mozos e mozas participantes proveñen de distintos países -España, Turquía, México- e de diversas provincias de España -Galicia, Valencia, Zaragoza, Toledo-. Ademais das actividades etnográficas, o campo de voluntariado inclúe visitas arredor da cidade e termas de Ourense, dinámicas de educación ambiental e de reciclaxe, e charlas de carácter social polas entidades colaboradoras.