
Salceda de Caselas | A Praza do Concello de Salceda de Caselas serviu esta mañá de escenario da presentación da XXXII Festa dos Callos, que se celebrará o 6 de setembro e que contará cunha ampla programación durante esa semana, nunha cita gastronómica referente en toda Galicia.
Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura e máximo responsable da festa presentou a programación desta edición, que contará con actos dende o xoves 3 de setembro e que se prolonga ata o 12 de setembro coa actuación da Banda da Loba. A programación inclúe citas xa consolidadas como o XVIII Serán dos Callos ou o V Festival de Charangas, coorganizado xunto coa Charanga SGHAE, e que xa é considerado como o referente en Galicia no mundo da música de Galicia.
A presentación contou con Damián Estévez, parte da organización do V Festival de Charangas, que espuxo o funcionamento do Festival e as novidades que traen este ano. A principal será a xuntanza e comidas de peñas, nas que hai 400 persoas inscritas, e que farán que o ambiente e a festa estén aseguradas dende primeira hora. Entre as charangas que participarán este ano, hai que resaltar a Charanga New Tocados de Madrid, e que este ano se despide das festas, sendo a de Salceda a súa derradeira actuación en Galicia.
A Alcaldesa Loli Castiñeira quixo resaltar a unión coa que traballa todo o pobo, todo o tecido asociativo e os provedores locais como as panaderías ou como o traballo de alfarería de Cerámicas Cortiñas, que fan que a Festa sexa de todos e de todas e sexa unha aposta polo rural. Loli Castiñeira aproveitou para poñer en valor o potencial turístico de Salceda, non só a fin de semana da festa senón ao longo de todo o ano, coa posta en marcha este ano da Senda Enogastronómica e que pon en valor a base desta festa, as carnicerías, a nosa Praza de Abastos, as nosas sendas, o noso viño e a nosa hostalería.
Miguel Sarria, Director Xeral e CEO de Frigolouro agradeceulle ao Concello que conten con Coren unha vez máis, e puxo en valor a importancia que ten a Festa dos Callos de Salceda, que conseguíu chegar as trinta e dúas edicións grazas ao traballo de moitas persoas. E recoñeceu o traballo de Begoña Alonso, xefa de cociña de Coren e da Festa do Callos polo traballo que leva a cabo. Foi Begoña precisamente a encargada de explicar os ingredientes a empregar nesta festa para elaborar as 20.000 racións que se porán á venta: 1.600 kg de ventre de vacún, 1.200 kg de pata de vacún, 2.300 kg de garbanzos, 450 kg de lacón curado, 325 kg de chourizo e 325 kg de sofrito. As potas comezarán a traballar en torno á 1 da madrugada para poder ter o produto listo sobre as 9 da mañá, cociñándose en directo durante toda a noite na propia Praza do Concello para que quen queira pode achegarse a observar a elaboración.
A presentación contou tamén coa presenza de Fernando Carrera de Bodegas Regina Viarum, que serán os encargados de lograr a maridaxe perfecta co seu viño, e que quixeron agradecer a confianza e a colaboración do Concello de Salceda de Caselas. As 20.000 racións preparadas para degustar poderán degustarse na propia Praza do Concello por un prezo de 10€ nos que se inclúe a tapa de callos, o pan, a bebida, e nas que a veciñanza adquire tamén a cazola e a taza conmemorativos. Para aquelas persoas que prefiran empregar o xa coñecido como “método da tarteira” e levar unicamente o produto para degustar en familia, poderán facelo a un prezo de 7€ a ración.
En palabras da alcaldesa, a Festa dos Callos é economía, é igualdade, é sostible, é turismo, e sobre todo é “facer Salceda”, e convida a toda a veciñanza e a todas as persoas a que veñan a Salceda a gozar da XXXII Festa dos Callos.




