A Festa do Boi de Allariz será do 25 de maio ao 2 de xuño

Haberá actividades para todos os públicos

Allariz | A Asociación Cultural Xan de Arzúa e Concello de Allariz presentaron a Festa do Boi 2024 que terá lugar do 25 de maio ao 2 de xuño. Unha representación da Asociación Cultural Xan de Arzúa, encargados das actividades da festa estiveron acompañados pola alcaldesa, Cristina Cid presentando a imaxe e programación para este ano.

No acto estiveron na compaña dunha representación da A.A.V.V. de Roimelo, os cales participan dende fai uns anos na recreación do Trato do Boi durante a primeira xornada da Festa.

Como explicou Juan Antonio Seara, representante de Xan de Arzúa, a imaxe desta nova edición é unha adaptación dun cadro de Rafael Cachaldora. O artista plasmou con gran realismo aos homes do sedeño e da aguillada e ao boi, mentres percorrían unha das rúas de Allariz. Esta imaxe é a que poderemos ver este ano no cartel e na programación da festa.

Así mesmo tamén se realizaron adaptacións para a camiseta e o xa representativo pano.
Para pechar o acto de presentación, tomou a palabra a alcaldesa de Allariz. Cristina Cid resaltou “a importancia de saber de onde xurde a Festa e agradecer a xeracións pasadas que foran capaces de conservar a tradición ata o día de hoxe, cunha festa tan importante para nós como é a Festa do Boi”.

Así mesmo agradecía aos membros da Asociación Cultural Xan de Arzúa a súa implicación altruísta na Festa. “ É unha festa organizada por persoas de Allariz para Allariz” nos explicaba Cristina. Ademais lembrou a importancia desta actividade para o pobo de Allariz, “que consegue que participen un gran número de veciños e veciñas tanto na organización como durante a celebración, convertendo está festa nun evento interxeracional cun sentimento especial para todos e todas elas”. Cristina Cid tamén resaltou a importancia da festa como dinamizador económico para os negocios de Allariz.

Asociación Cultural Xan de Arzúa está composta por veciños e veciñas que ano tras ano traballan para que a Festa do Boi se celebre en Allariz. Esta asociación está composta por preto de cen persoas voluntarias que se encargan dende a atención da Tenda do Boi, ata a pedicha porta por porta, a colocación da decoración das rúas ou a organización da festa, entrou outras moitas.

Actividades para todos os públicos
Un ano máis, durante nove días desenvolveranse máis de 50 actividades. Música, teatro, actividades infantís, encontros populares e, por suposto, as saídas do boi centrarán a programación festiva.

Juan Antonio explicou que pola tarde se fará unha presentación a cidadanía da programación, como ven sendo habitual. Así mesmo tamén non adiantou que despois do éxito acadado o ano pasado, o venres 29 de marzo o Campo da Barreira acollerá unha festa coa Discomóvil Apocalipse na que presentará a Festa a toda a mocidade local.
Asociación Xan de Arzúa aposta polo carácter cultural e histórico da festa potenciando actividades como a procesión medieval na que participan máis de vinte gremios. Arredor de 600 persoas ataviadas cos seus respectivos traxes representan, de xeito divertido, a orixe da Festa do Boi.

Unha das novidades de este ano é a recuperación da comida popular do sábado, que se celebrará en Paicordeiro o sábado 25. Ese mesmo día ás 16:00h haberá Foliada con Xisco Feijóo. Dende a organización convidan a todas as persoas que se acheguen se queren co seu instrumento para festexar todos e todas xuntas o inicio da edición de 2024. Os nenos e nenas terán o seu espazo na festa coa programación de actividades como as saídas do boi infantil, o espectáculo de monicreques creado polos centros de ensino de Allariz, o Pistaboi, a merenda infantil ou a actuación do mércores a tarde.

A música, como é habitual, terá unha importante presenza na Festa contando con grupos de gaiteiros, charangas e orquestras, e os tradicionais Zés Pereiras, entre outros.
A Festa do Boi está sufragada pola achega voluntaria dos veciños e veciñas, comerciantes e hostaleiros de Allariz aos que porta por porta se lles pide contribución, así coma entidades colaboradoras. Sen todas estas achegas a Festa do Boi non seria posible de realizar.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.