A festa da serra de San Mamede, primeira iniciativa conxunta de catro Concellos ourensáns

Celebrarase o 5 de agosto nos Concellos de Vilar de Barrio, Maceda, Montederramo e Laza

Vilar de Barrio | A serra de San Mamede é territorial e administrativamente competencia de diferentes administracións locais. Estas por separado non contan con medios materiais nin humanos para poder activar todos os seus recursos e que estes podan así funcionar como motores de desenvolvemento local, razón pola que os concellos de Vilar de Barrio, Maceda, Montederramo e Laza procuran unir esforzos no marco dun convenio asinado polas catro partes para a dinamización socioeconómica do territorio

Como primeiro paso recupérase a tradicional romaría que na década dos 90 congregaba a centos de persoas na contorna da capela que actúa como divisoria dos diferentes concellos. A festa celebrarase o 5 de agosto dende primeira hora da mañá, podendo ascender camiñando a modo ruta de sendeirismo ou nalgunha das lanzadeiras que se poñerán a disposición por parte da organización.

Unha vez no alto celebrarase un xantar con música e xogos populares. Toda a recaudación irá destinada ao arranxo do propio templo, moi afectado por anos de abandono e polas adversas condicións meteorolóxicas do lugar onde foi erixido.

Para participar e reservar praza nas diferentes actividades e o propio xantar as persoas interesadas poden poñerse en contacto co concello de Vilar de Barrio no teléfono 988449001.