
Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, presentou o proxecto dun aparcadoiro disuasorio público e gratuíto na Cuña, entre as rúas Alberto García e Cuña de Abaixo. A actuación, de carácter provisional, desenvolverase en terreos de titularidade provincial e prevé habilitar 200 prazas nunha primeira fase, coa posibilidade de chegar ás 391, 21 delas accesibles, se a demanda xustifica a ampliación.
Menor explicou que a iniciativa responde á escaseza de estacionamento nunha zona onde coinciden os desprazamentos da veciñanza cos de pacientes, acompañantes, estudantes e traballadores. O presidente provincial sinalou que as obras das rampas mellorarán a mobilidade, ao tempo que reducirán o número de prazas dispoñibles na contorna. Ante esa situación, a Deputación optou por “buscar unha solución no noso terreo” e solicitará ao Concello de Ourense a licenza correspondente.
Un aparcadoiro ao servizo da cidade e da provincia
“A Deputación fai isto porque é dona dos terreos e porque con isto estamos actuando cun carácter supralocal”, explicou Menor. O aparcadoiro situarase a uns 500 metros dos hospitais do Cristal e Santa María Nai, que forman parte do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, e a menos de 500 metros da Universidade Laboral. A actuación tamén facilitará o acceso ao centro de saúde e a outros equipamentos da zona sur da cidade, como o CIFP A Farixa, o Paco Paz e Expourense.
A localización ofrecerá unha alternativa a quen chega á cidade en coche desde outros concellos, especialmente desde localidades con menos opcións de transporte público. As novas prazas permitirán deixar o vehículo na zona e continuar a pé ou en transporte urbano, contribuíndo a reducir o tráfico de coches que buscan aparcamento nas rúas da Cuña.
Dúas fases en función da demanda
A primeira fase abrangue 6.332,30 metros cadrados e conta cun orzamento base de licitación de 419.270,02 euros, IVE incluído. O prazo previsto de execución é de catro meses. Os traballos inclúen o acondicionamento do terreo, a pavimentación, a drenaxe de augas pluviais, a sinalización e a instalación de oito columnas de iluminación solar autónoma. A inversión total está estimada en aproximadamente 900.000 euros, tal e como sinalou o presidente provincial.
A segunda fase incorporaría 191 prazas adicionais, oito delas accesibles, noutros 5.000,80 metros cadrados. Menor explicou que a Deputación avaliará a ocupación das primeiras 200 prazas e acometerá a ampliación se se confirma a necesidade de máis estacionamento. Coas dúas fases, o aparcadoiro ocuparía 11.333,10 metros cadrados. O seu deseño permitirá retirar as instalacións e recuperar materiais cando se desenvolva a ordenación urbanística definitiva dos terreos.




