A Deputación de Ourense asina convenios con 10 concellos

Para dotación de servizos e infraestruturas

Ourense | A Deputación de Ourense achegará un total de 444.900 euros para cooperar na execución de infraestruturas e servizos en dez concellos da provincia, grazas aos convenios de colaboración asinados hoxe polo presidente, Manuel Baltar.

Estes convenios foron asinados cos representantes das entidades locais: Cristina Cid, alcaldesa de Allariz; Mario Rodríguez, alcalde de Esgos; María del Carmen Yáñez, de Lobios; Abel Blanco, tenente alcalde de Manzaneda; José Manuel Castro, alcalde dos Blancos; Aquilino Domínguez, de Parada de Sil; José Luis González, Piñor; Asunción Morgade, rexedora de Rairiz de Veiga; e Isabel Gil, de Ramirás. O presidente asinou tamén o convenio co Concello da Rúa.

Manuel Baltar cualificou este acto como “un exercicio de cooperación, que é a actividade fundamental que desenvolve a Deputación cos concellos da provincia”. Unha relación, engadiu, “que se manifesta no día de hoxe coa presenza destes representantes municipais, a reunión co alcalde de San Cibrao e o acto celebrado no mosteiro de Cea na compaña do alcalde de Cea, José Luis Valladares”.

Os case 445.000 euros que recollen os convenios, sinalou o presidente provincial, “van destinados a obras necesarias que de modo lexítimo piden os gobernos democráticos destas entidades locais e que son de interese para a súa veciñanza, e a Deputación, saneada e con débeda cero, achega recursos suficientes para facer realidade estes proxectos”.

Os documentos asinados axudarán ao financiamento da mellora do consistorio de Allariz cunha achega de 50.000 euros; a dotación dunha nova biblioteca municipal e aula de infantil en Esgos con 48.000 euros; as obras do local social de Lobios con 40.000; o cofinanciamento con 57.900 euros de proxectos de eficiencia enerxética do IDAE en Manzaneda.

Tamén están a rehabilitación dun lavadoiro nos Blancos con 15.000 euros; o acondicionamento dun predio para aparcadoiro en Parada de Sil cunha axuda de 26.000 euros; a construción dun centro cultural en Piñor con 100.000; as beirarrúas de Sabariz, en Rairiz de Veiga con 30.000; o arranxo do tellado da antiga escola de Freás de Eiras en Ramirás, con 48.000 euros; e o cofinanciamento, xunto coa administración autonómica, da continuación dun vial no polígono industrial das Pedreiras, na Rúa, con 30.000 euros.