A curtametraxe “Acciona o rural” busca recoñecer o papel clave das mulleres do rural na loita pola igualdade

Unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra

Pontevedra | A curta documental “Aquí está Carme” devolve o protagonismo a mulleres do rural da provincia como Mari Carmen, Teresa, María, Ester, Consuelo, Carmela, Laura, Amparo ou Otilia.

Este extraordinario grupo dunha trintena de veciñas dos municipios de Silleda, Mondariz e Moraña participaron nos obradoiros de creación escénica organizados ao amparo do proxecto da Deputación “Acciona o rural”, unha iniciativa do colectivo Fiore di Zucca que hoxe clausurouse cunha gala que encheu o Salón de Plenos e que reivindicou o papel fundamental das mulleres do rural na construción da comunidade, na conservación do patrimonio cultural inmaterial e na loita pola igualdade de forma transversal no territorio.

A arte foi a outra gran protagonista. Ademais do visionado da curta “Aquí está Carme” e da interpretación do poema escénico, subíronse ao escenario as integrantes do grupo De Vacas, Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández, que abriron a gala con “Unha noite máis” e pechárona con “Noite e día”.

Máis de duascentas persoas asistiron no Pazo Provincial á estrea do audiovisual da cineasta Anxos Fazáns que recolle o proceso creativo e as experiencias compartidas polas participantes durante a semana intensiva de duración dos obradoiros en cada un dos concellos. A presidenta provincial, Carmela Silva, felicitou ás promotoras por esta “innovadora iniciativa” cuxa primeira edición demostrou “o poder transformador da arte na cidadanía e o enorme impacto das artes escénicas sobre o corpo e as mulleres”.

“É un obxectivo prioritario para esta administración visibilizar a todas as mulleres, con independencia do seu lugar de residencia, e tamén facilitar o acceso universal á cultura sexan de onde sexan e vivan onde vivan”, destacou Carmela Silva nunha emotiva gala na que se concedeu o protagonismo as veciñas implicadas no proxecto, que recibiron como agasallo unha planta de camelia da Estación Fitopatolóxica de Areeiro e un USB con imaxes das actividades culturais nas que participaron.

O público puido ver por primeira vez o documental que resume esta pioneira experiencia artística no rural e dous pequenos vídeos nos que se explican máis en detalle as actividades realizadas e a evolución escénica experimentada polas mulleres implicadas.

O proxecto mestura de forma intencionada a linguaxe do teatro e o audiovisual. “A nosa intención foi proporcionarlles ferramentas para que se expresaran por medio da creación escénica, pero afastadas dos roles tradicionais de mestra e alumna, foi un proceso de aprendizaxe conxunto no que vimos nelas unha necesidade innata de explorar e abordar temas de actualidade”, explicaron Ana Fontenla e Celina Fernández Ponte, integrantes de Fiore di Zucca e encargadas de conducir a gala.

“Sodes o mellor elenco que pode ter unha compañía de teatro. Non hai nada mellor que contar con xente que propón e que desfruta propoñendo”, subliñaron ao falar das mulleres que decidiron participar desta proposta con reticencias ao principio, pero acabaron amosando unha “entrega total”. Esta implicación volvérona demostrar hoxe sobre o escenario, a onde subiron seis delas para participar nun coloquio ou entrevista no cal artistas e veciñas rememoraron a experiencia compartida grazas a “Acciona o rural”.

Unha triloxía de arte no rural
A estrea de “Aquí está Carme” é a derradeira fase dun proxecto concibido como unha triloxía. Comezou con tres obradoiros de creación escénica desenvolvidos no mes de maio de 2022 nos tres concellos, déuselle continuidade cunha mostra e que remata coa estrea do documental que rexistrou as experiencias das participantes. Trátase dunha reflexión sobre os procesos creativos nas artes escénicas, sobre o corpo e sobre a muller.

En palabras da súa directora, Anxos Fazáns, a curta pode entenderse coma o resultado dunha experiencia compartida. “A peza busca dar unha mirada persoal e profunda sobre as sensacións e vivencias experimentadas por todas nós durante o proxecto”. Respecto ao estilo da peza, segue un modelo de rexistro audiovisual documental vencellado aos movementos máis novos do cinema contemporáneo. Como valor fundamental do proxecto está a idea de “dignificar o teatro como ferramenta de comunidade e experimentación interxeracional entre dous colectivos de mulleres, as artistas e as veciñas”.