A corporacioón de O Porriño acordou realizar unha análise conxunta, da facturación pendente de pago do concello

O Porriño | A suma de votos da maioría da corporación municipal do Porriño, co voto de calidade do alcalde accidental, rexeitou a proposta do Partido Popular e aceptou a contraproposta do grupo EU SON para analizar no seu conxunto toda a facturación pendente do Concello do Porriño. Acordouse que esa análise inclua tanto as facturas da conta 4/13 como aquelas que están pendentes porque carezan de partes de traballo, outras deficiencias ou tiveran sido rexeitadas polo sistema “Face”.

A contraproposta de Pedro Ocampo, voceiro de EU SON foi apoiada pola suma dos 8 votos de PSOE, BNG, EU SON e Manuel Carrera, da UDDL, fronte aos 8 votos dos concelleiros do PP que votaron en contra. Ante a ausencia por convalecencia post cirúrxica da alcaldesa titular, Eva García, o alcalde accidental, Pedro Pereiro fixo valer o voto de calidade.

De tal xeito que na vindeira semana, convocarase unha xunta de voceiros municipais para planificar como se fará esa análise en conxunto da facturación e se requerirán os informes pertinentes dos servizos técnicos municipais.

O acordo acadado foi a alternativa á proposta do Partido Popular do que partía a petición deste pleno extraordinario celebrado hoxe. O voceiro do grupo maioritario da oposición plantexou os casos da facturación pendente de pago de 25 empresas proveedoras do Concello. Entre elas figuran “Naturgy”; “Eulen”, “Nexia”, “Ascan” “Fluge”, “Aceesca Emprego”, “Gonzalez Couceiro” ou “Narom”, entre outras.

Alejandro Lorenzo matizou hoxe no pleno que a súa proposta contemplaba “revisión de oficio, pago, crédito ou sexa o que fora segundo a normativa vixente e os informes técnicos pertinentes da Secretaría e da Intervención Municipal”. Ao mesmo tempo, o voceiro do PP, requiriu ademais en cadaun dos 25 contratos, un expediente de responsabilidade patrimonial aos ordenadores de cada gasto.

A proposta do PP foi rebatida por Lourdes Moure, concelleira de Economía e Facenda e voceira do grupo socialista. Acusou ao PP porriñes de “querer entorpecer ata paralizar a actividade económica municipal e para ilo, infunden sospeitas e dubidan dos informes tanto dos técnicos coma dos altos funcionarios, habilitados nacionais, se non están na súa corda”.

A voceira socialista manifestou que “estean tranquilos os proveedores do Concello que van cobrar, aínda que o Partido Popular non lles queira pagar”.

Cami Moreira, polo BNG manifestou que o seu grupo votaba en contra da proposta do PP por que“non temos coñecemento de ilegalidades” aínda que subliñou que “o recoñecemento extraxudial é unha mala praxe que está correxirse”. E Manuel Carrera, dixo “observar mala fe no PP que está a facer unha oposición xudicializada cando o que procedería sería un esforzo conxunto para esclarecer toda a facturación pendente”.

Nesa mesma liña, o voceiro de EU SON, formulou a contraproposta que finalmente aprobou a maioría da corporación. Ocampo Cardalda baseouse en que aínda “faltanos documentación” e reclamou que sexan a xunta de voceiros e as comisión municipais as que establezan qué facturas deben pagarse con recoñecemento extraducial e qué facturas deben pasar por trámite de revisión de oficio ou de audiencia ás empresas”, manifestou Ocampo.