A Consellería de Vivenda rehabilita dous inmobles no casco histórico de Ourense

Na praza Manuel Sueiro e na rúa Pelaio ofreceránse seis novos fogares públicos en alugueiro accesible

Ourense | A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe as obras de rehabilitación de dous inmobles no centro histórico da cidade, que permitirán acadar seis vivendas de promoción pública ao abeiro do programa Rexurbe.

Allegue lembrou que a través deste programa Rexurbe, a Xunta adquire inmobles nos centros históricos para rehabilitalos, co obxectivo de incrementar a oferta de vivenda accesible “e tamén para revitalizar os cascos históricos que temos en Galicia e asentar poboación”. En concreto, a conselleira visitou os traballos nun inmoble na praza Manuel Sueiro que darán lugar a 5 vivendas públicas e posteriormente os que se executan noutro edificio da rúa Pelaio, para acadar 1 novo fogar público.

O investimento conxunto en ambos inmobles acada 1,9M€, contan con cofinanciamento de fondos europeos, e prevese a finalización dos traballos o vindeiro 2027. As vivendas entregaranse en alugueiro accesible entre persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Galicia, coa reserva do 40% para persoas menores de 36 anos.

Mobilidade sostible
Allegue visitou tamén as obras que a Xunta está a executar no barrio ourensán de Reza para habilitar unha senda peonil ao longo da estrada autonómica OU-402, que contan cun investimento de preto de 1,5M€. A través desta intervención acadaranse máis de 2km de itinerario peonil para garantir os desprazamentos seguros da veciñanza e visitantes, no marco das obras. Os traballos finalizarán o vindeiro ano.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.