A conexión entre a música e a emoción centrará a segunda xornada da VI Semana da Educación en Tomiño

A través da conferencia da profesora e doutora Almudena González

Tomiño | A segunda xornada da VI Semana da Educación de Tomiño versará sobre a conexión que existe entre a música e o cerebro, amosando a gran importancia que a emoción musical ten no ámbito educativo. A conferencia será impartida pola profesora e doutora Almudena González, e poderá ser seguida de balde por streaming o martes 9 de febreiro ás 19:00 horas.

Almudena González é Profesora Superior de Violoncelo e Música de Cámara polo Conservatorio Superior de Tenerife, e ampliou os seus estudos en Barcelona e Ámsterdam. Posteriormente realizou un Máster Degree of Music especialidade de Violoncelo en Bruxelas e un Máster en Xestión Cultural pola Universidade de Alcalá de Henares. É doutora e Premio Extraordinario de Doutoramento 2016 pola Universidade da Lagoa. Actualmente realiza un post doutoramento na Universidade de Madeira sobre música e audiovisual ao mesmo tempo que continúa traballando na súa liña de investigación sobre a conexión e interrelación da música co cerebro.

Analiza os estilos musicais, a interpretación musical e as súas implicacións en campos do coñecemento como a pedagoxía musical con modernas técnicas de análises como investigadora externa da ULL no Laboratorio de Neuroquímica e Neuroimaxe. É autora de artigos de investigación en revistas internacionais con índice de impacto e participa de forma habitual en congresos nacionais e internacionais sobre a música e o cerebro. Ademais, é profesora do Conservatorio Superior de Música de Canarias e leva a cabo actividade no campo da interpretación musical e a divulgación científica.

Conferencia: Educar a través da emoción musical: beneficios desde a perspectiva neurocientífica.
A música é unha arte capaz de provocarnos diferentes emocións e no contexto educativo son importantes as súas implicacións e beneficios. Os estudos de neurociencia analizaron estas cuestións en profundidade e esta conferencia ten como obxectivo esclarecer os alicerces da emoción musical na educación.

Para iso, a conferenciante abordará a literatura científica coa música como eixo vertebrador, analizando os diferentes estilos musicais académicos e populares, calidades e aspectos relacionados coa emoción e cognición musical. Profundizará na interrelación dos coñecementos neurocientíficos cos musicais, xa que a unión entre estes dous campos do coñecemento proxecta novos camiños posibles tanto dentro da aula como no ámbito familiar.

Lémbrase tamén que as xornadas contarán con intepretación simultánea en lingua de signos. Poderase acceder á conferencia de Almudena González a través da plataforma Zoom, aquí.