A concellería de Educación mosense presenta as actividades para os colexios e o Instituto de xaneiro a xuño

Os centros teñen ata o día 17 deste mes para solicitalas
A concelleira de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, informou hoxe das actividades ofertadas dende o Concello de Mos ós colexios e ó Instituto do municipio para os meses de xaneiro a xuño do presente ano 2012.
Dita programación, presentouse a tódolos centros, tanto ós CEIPs coma ó IES, ó pasado 9 de xaneiro; e estes contarán ata o vindeiro martes, día 17 de xaneiro, para realizar as súas solicitudes de participación.
As actividades ofertadas para os colexios mosenses son, en xaneiro e febreiro Animais: os nosos amigos e Obradoiros de Entroido, en marzo Seguridade Vial e Plan de Autoprotección, en abril Coñece a Biblioteca e Simulacro de Evacuación, en maio Sendeiro dos Muíños e en xuño Concerto Didáctico.
Mentres, para os alumnos e alumnas do IES de Mos ofértanse para os meses de xaneiro e febreiro os Obradoiros Quérote+, para marzo unha Exposición sobre Igualdade, para abril o Plan de Autoprotección, o Sendeiro dos Muíños e o Simulacro de Evacuación; para maio ruta polo Sendeiro do Río Louro e visita ó Festival de Cans, e para xuño o Concerto Didáctico.
Destas actividades educativas, todas as que sexan solicitadas por cada un dos centros mosenses, serán desenvolvidas en horario lectivo. Os beneficiarios potenciais das mesmas son os 1.819 alumnos e alumnas que suman entre os 6 colexios e o Instituto do Concello de Mos.
Sobre a proposta educativa municipal realizada para os meses de xaneiro a xuño a edil responsable, Kely Monzón, declarou esta mañá que “dende o departamento de Educación e Participación Cidadá do Concello de Mos vimos desenvolvendo, con gran éxito e altas cotas de participación, programas educativos en centros escolares cos que pretendemos atender as necesidades educativas existentes, e complementar a oferta educativa dos propios centros porque temos a convicción de que traballar polo desenvolvemento integral do alumnado é responsabilidade de toda a comunidade educativa, e con estes programas, tentamos colaborar na consecución dos obxectivos educativos establecidos pola LOE, e no desenvolvemento das competencias básicas que permitan que os nosos alumnos e alumnas sexan cidadáns responsables no futuro do noso Concello”.
Obxectivos
As actividades ofertadas para os centros educativos de Mos son variadas e atenden a diversos aspectos do desenvolvemento humano, en diferentes espazos, e empregando diversos recursos e axentes educativos, co fin de chegar ó máximo alumnado posible tendo en conta a diversidade existente nos centros.
Os obxectivos de ditas actividades son completar a oferta educativa dos centros do noso municipio, sensibilizar ao alumnado sobre as problemáticas do noso entorno, conciliar a vida laboral e familiar, fomentar bos hábitos de seguridade vial e de emerxencia, fomentar un desenvolvemento óptimo cidadá, fomentar a lectura, coñecer os espazos de uso público, promover valores de tolerancia, respeto e comprensión, coñecer os recursos naturais do noso contorno e promover o coñecemento musical.