A CHMS construirá un sendeiro de acceso no río Caselas

Investirá máis de 350.000 euros para a recuperación ambiental

Salceda de Caselas | José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda de Caselas rubricaron este 29 de marzo o Protocolo de colaboración como primeiro paso para facer posible a execución do proxecto de mellora da accesibilidade e recuperación ambiental do río Caselas ao seu paso por este municipio pontevedrés.

O presente protocolo ten por obxecto establecer o marco para o financiamento, posta ao dispor dos terreos, execución e entrega das actuacións do tramo de senda fluvial novo, que permita a continuidade entre o xa existente e o que se haberá de executar pola CHMS no veciño municipio de Tui.

Para facilitar aos cidadáns o uso da rede de sendeiros continuos e o acceso ao patrimonio natural e etnográfico asociado ao río, en aras da colaboración institucional, a CHMS comprometeuse a levar a cabo unha actuación de conexión entre senda existente en Salceda e a proxectada pola CHMS no municipio lindeiro de Tui, para o que se construirá un novo tramo de sendeiro entre ambos.

As obras necesarias consistirían na construción do tramo de senda, de 650 metros de lonxitude, pola marxe dereita do río ata a súa conexión co termo municipal de Tui; o importe das actuacións superará os 350.000 euros.