A chef galega Toñi Vicente presentou en Tomiño o seu primeiro libro

“A miña cociña”, coa colaboración do Concello de Tomiño

Tomiño | A recoñecida chef tomiñesa Toñi Vicente presentou este sábado o seu primeiro libro, “A miña cociña”, que contou coa colaboración do Concello de Tomiño. A praza do Seixo foi a escollida para celebrar un acto sinxelo mais tamén emotivo e entrañable, que serviu tamén como homenaxe especial aos seus pais, Delmiro e Antolina, dos que aprendeu a amar a cociña de calidade feita con produtos da zona. No acto estivo acompañada pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o fotógrafo do libro, Xulio Gil, e o editor José Luis Teófilo, de Teófilo Edicións.

“Toñi é sen dúbida un orgullo para todas e todos nós, unha pioneira en poñerlle á alta cociña rostro de muller, e que aínda alcanzando o máis alto prestixio internacional nunca renegou de Tomiño e sempre o tivo moi presente alí a onde foi”, comenta González.

Antes de comezar coas receitas, a chef, que conseguiu en 1989 a primeira estrela Michelín galega co seu restaurante Síbaris, reflexiona sobre os seus primeiros pasos na cociña, evocando a súa feliz infancia marcada pola existencia do restaurante familiar no que viu cociñar á súa nai con gran destreza. “Este libro é unha homenaxe a miña nai, esa muller coa que descubrín os primeiros acubillos e sabores da miña vida”, comenta.

Vicente explica que os pilares da súa cociña, “unha cociña próxima e contundente”, son a calidade da materia prima (carnes, hortalizas, peixes e mariscos) do país e a simplicidade unida á tradición. “A vangarda está nas inquedanzas, na procura do cociñeiro, na súa imaxinación que, ben expresada, pode ser a arma máis poderosa para crear ilusións…máis é preciso non esquecer a tradición e as raíces. A miña cociña bebe da tradición pero tamén investiga e crea cousas novas”.

Traxectoria
Toñi Vicente iníciase na cociña con tan só 7 anos, da man da súa nai, xunto aos seus 5 irmáns e o seu pai, gran mestre de cerimonias no restaurante Casa Delmiro. En 1982 inaugura en Vigo o “Síbaris”, co seu marido Camilo Pardo. A chef comeza pronto a recoller numerosas distincións pero non é até 1989, cando consigue a primeira estrela Michelín outorgada a un restaurante galego.

Esta distinción, que máis tarde revalidaría en Santiago de Compostela, foi un antes e un despois na súa fulgurante carreira. Comezou a preparar ceas e comidas para os presidentes de España, Portugal e Galicia; o Premio Nobel Camilo José Cela; cruceiros de luxo e un amplo etcétera.

Entre os seus importantes galardóns figuran o primeiro Challenge Européen de la Gastronomie, viguesa distinguida, a medalla de prata de Galicia e o Premio Nacional de Gastronomía, entre moitos outros. Actualmente está retirada dos fogóns e reside de novo en Tomiño, feito que lle permitiu reunir o tempo necesario para preparar a publicación do seu primeiro libro de receitas.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!