A chave da nosa caixa.

O sistema de concerto económico no que Galicia recadaría os seus tributos todos e, xa que logo, tería a “a chave da nosa caixa” como acaídamente definiu Ana Pontón (BNG) no recente debate do estado da nación, constitúe unha proposta que sería quen de garantir níveis acaídos para o funcionamento regular dos servizos publicos e, deste xeito, o benestar da cidadania galega.

No outono de 1983, con níveis ben máis baixos de renda por habitante, servizos públicos e infraestrutura social básica o vicepresidente económico da Xunta no segundo goberno de Albor, o independente Carlos Mella, propuxo unha reforma do Estatuto de Galicia para introducir este sistema, de xeito que recadásemos os tributos todos para despois lle pagar ao Estado unha cota polos servizos desenvolvidos directamente no noso País (policía, defensa, desemprego, xuros da débeda estatal…). Cómpre dicir que Carlos Mella, na altura, xa fora director xeral de Política Económica do Goberno do Estado, profesor de Economía Política da Universidade Complutense de Madrid e alto funcionário en París da OCDE. Ben sabia do que falaba.

Dende os partidos, persoeiros e entidades dependentistas é cotián a crítica a este sistema dicindo que imos acabar por pedir polas portas, porque seica precisamos da solidariedade do Estado para nos manter. Malia que resulte que, segundo as contas do economista Xosé Díaz, no 2019 recadamos 13.222 M € e só nos devolveron 8.650 M€, xerándonos un déficit de 4.562 M€.

“Se a cota ou cupo a lle pagar ao Estado se fixase en termos de poboación (…) os galegos gañaríamos para financiar os nosos servizos”

Se a cota ou cupo a lle pagar ao Estado se fixase en termos de poboación (somos un 5,4% da estatal) pagaríamos uns 1360 M€ e os galegos gañaríamos para financiar os nosos servizos 3.200 M € (uns 1.183 €/ano por persoa) co que obteríamos un 40 % máis ca os actuais 2.846 €/ano, por certo ben inferior ás demáis autonomías do Oeste –Asturies, Cantabria, a Rioxa, Estremadura e Castela-León–, coas que seica partilla a Xunta do PP estratexias cara ao financiamento autonómico.

Outra crítica é que –seica– precisamos da caixa de solidariedade do estado para pagar as nosas prestacións contributivas de xubilación e incapacidade. Mais esquecen estes xenios das finanzas que os tributos son cuestión territorial e as pensións cuestión persoal. As prestacións contributivas dependen do que como persoas traballadoras coticemos e as empresas coticen por nós. Sexa na Galicia, for na Alemaña, Suiza, Catalunya ou Euskadi.

Pense vostede que a comunidade de propietarios do seu edificio partille coas doutros oito edifícios veciños unha mancomunidade para mercar o gasóleo da calefacción e xestionar espazos comuns a eses edificios. Prefire que a súa comunidade recade as cotas dos seus comuneiros e máis as rendas dos paneis solares do tellado ou que o faga esa mancomunidade?

Advogado. Colabora en varios medios galegos.