A Casa da Cultura de Salceda continúa incrementando o seu número de usuarios

Salceda de Caselas | Dende a súa inauguración no ano 2010, a Casa da Cultura Castelao, de Salceda de Caselas, que alberga a primeira biblioteca pública do municipio segue a recibir novas altas de socios cada mes, estando na actualidade xa na cifra de 2.228 usuarios. Coa apertura da biblioteca pechouse una vella demanda dos veciños e veciñas de Salceda, que ata entón só contaban con unha aula de lectura compartindo edificio coa Casa da Música, o que facía totalmente inviable o seu uso como tal.

En canto ás declaracións feitas polo Presidente do Partido Popular de Salceda, unha vez máis chegan tarde, pois o sistema de calefacción xa está funcionando dende hai días, quedando unicamente pendente da chegada do material unha aula do edificio. En canto ás humidades, neste último inverno prodúxose a filtración de auga por algunha das ventanas debido ás cuantiosas choivas caídas. Precisamente o mal tempo fixo imposible o total arranxo do problema, que se atallou de maneira provisional á espera do bo tempo que permita o selado definitivo das ventanas.
Teresa Pérez, Concelleira de Cultura, congratúlase da labor de fiscalización do Partido Popular, aínda que se estrana de que unha persoa que nin sequera é socia da biblioteca sexa a que manifesta os desperfectos. “Antes de proclamarse debería vir informarse da situación da mesma, pois parece que os informes que recibe están bastante desactualizados e incompletos. O señor Davila non sabe nin por onde se entra na Casa da Cultura, pois el mesmo denomina como “camiño de acceso” o que non é máis que o calexón de saída da porta de emerxencia, en ningún caso un acceso á Casa da Cultura, no cal se atopan os cadros eléctricos perfectamente valados segundo a normativa vixente”.
Dende o grupo de goberno non nos queda máis que lamentar este tipo de actuacións dos que din que pretenden facer unha oposición positiva, caendo na descalificación contínua e na crítica daqueles servizos que o Partido Popular non foi quen de ofrecer en 32 anos de goberno. A mentira é a súa constante, e volve quedar patente con este tema, no que o Partido Popular fala de moreas de queixas dos usuarios cando no rexistro do Concello non existe nin a primeira.