A cardióloga Marisa Crespo foi nomeada Filla Predilecta de San Cristovo de Cea

En acto celebrado no Convento de Santa María A Real de Oseira
Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) participa no acto de nomeamento de Marisa Crespo Leiro como filla adoptiva do Concello de San Cristovo de Cea. Tamén participan no acto Miguel Santalcies Vieira (Presidente do Parlamento), Jose Luis Valladares Fernández (Alcalde de Cea), Pilar García Tizón (Concelleira de San Cristovo de Cea) entre outras autoridades e veciñas do Concello.

Cea | San Cristovo de Cea tributou unha homenaxe á doutora Marisa Crespo Leiro, todo un referente internacional no ámbito da insuficiencia cardíaca e do transplante de corazón, que recibiu no Convento de Santa María A Real de Oseira o título de Filla Predilecta do Concello.

“Un máis que merecido recoñecemento a unha traxectoria profesional de indubidable proxección mundial, pero tamén a unha muller que destaca polo seus valores persoais e a súa calidade humana”, asegurou Manuel Baltar, presidente da Deputación.

O presidente provincial felicitou ao Concello e á veciñanza de San Cristovo de Cea “por unha homenaxe que contribúe a visibilizar a enorme riqueza humana e profesional de mulleres que, ben por nacemento ou por ascendencia, levan o nome de Ourense e dos seus distintos territorios polo mundo”, lembrando así tamén a entrega esta mesma semana do Premio Ourensanía 2020 á directora de Saúde Pública da OMS, María Neira, cuxa familia é oriunda do Barco de Valdeorras.

Engadiu Baltar o acaído do himno de Ourense, interpretado para pechar o acto, “cuxas últimas palabras son patria do corazón, ese corazón ao que se dedica a doutora Crespo desde hai anos e que levamos todos os ourensáns desde hoxe co seu nome”.

A corporación municipal de San Cristovo de Cea aprobou no pleno celebrado en xuño de 2020 o inicio do expediente para nomear á Marisa Crespo como Filla Predilecta do Concello, “tendo en conta –sinala a acta- os valores persoais, os méritos profesionais e o recoñecemento xeral que obtivo a doutora, ligada ao concello coa súa vivenda familiar no lugar de Santrós”.

Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) participa no acto de nomeamento de Marisa Crespo Leiro como filla adoptiva do Concello de San Cristovo de Cea. Tamén participan no acto Miguel Santalcies Vieira (Presidente do Parlamento), Jose Luis Valladares Fernández (Alcalde de Cea), Pilar García Tizón (Concelleira de San Cristovo de Cea) entre outras autoridades e veciñas do Concello.

Unha traxectoria que para o alcalde, José Luis Valladares, “cumpre sobradamente as calidades para o seu recoñecemento pola corporación municipal”.

Marisa Crespo, que ademais de lembrar aos seus pais fixo na súa intervención “un exercicio de gratitude, que a nai de todas as virtudes, dirixe a Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante de Corazón no servizo de cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).  Profesora titular de Medicina na Universidade da Coruña, forma parte do Comité de Educación da Sociedade Europea de Cardioloxía e ten publicados máis de 250 traballos científicos.

Elixida pola revista científica Circulation como unha das mulleres líderes no mundo en transplante cardíaco, en 2020 recibiu a medalla de Ouro e Brillantes do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, que destacou as súas calidades humanas e a súa entrega e dedicación aos pacientes, así como a súa contribución á mellora da organización da asistencia da insuficiencia cardíaca, tanto en Galicia como no resto de España.