A Cañiza urbanizará o parque Uceira

Adxudicada á empresa NAROM por un importe total de 27.777,80€

A Cañiza | O Concello da Cañiza acomete novas obras de urbanización no parque Uceira, “antigo mercado do gando”, para mellorar a infraestrutura viaria. A obra está adxudicada á empresa NAROM por un importe total de 27.777,80 euros, dos cales o 20 % é aportación do Concello con fondos propios, e o 80 % restante corre a cargo da Xunta de Galicia.

Segundo comunicou o alcalde da vila, Luis Piña, “esta nova actuación no parque ten por obxecto mellorar a circulación do tráfico rodado e peoníl con sinaléctica máis clara. Mellorar a seguridade desta rúa sen salida e cunha grande pendente, para evitar a continuidade dos vehículos fora deste ámbito e tamén repor un ben e unha medida antivandálica dunha das parcelas afectadas”.

Estas reformas responden ás deficiencias que presentaba o parque no tocante ás súas infraestruturas, fruto de execucións por tramos ao longo dos anos, sen intervencións unificadas. As obras de mellora do parque empresarial consistirán na renovación da sinalización horizontal e vertical e instalación de novos equipos que impidan o paso no fin da rúa. Tamén inclúe a reposición do muro de peche da parcela de acopio de materiais do Concello, retirado para axustar a rúa ás alineacións desenvolvidas nunha anterior actuación de mellora da urbanización do parque, acometidas no mes de novembro de 2022.

As últimas obras desenvolvidas en novembro de 2022 xa viñeron a corrixir as deficiencias máis importantes, executándose unha obra de urbanización que mellorou a humanización do parque, ampliando beirarrúas e completando a urbanización das rúas polas alineacións establecidas nos planos de ordenación municipal, o que permitiu legalizar o “parque Uceira”.