A Caniza recibe orixinal do primeiro cartaz da Festa do Xamón de 1967

José Luis Bacelar entregou o exemplar ao Alcalde Luis Piña deseñado por Bofill e impreso na Imprenta Bacelar

A Caniza | Na antesala da 60.ª Festa-Feira do Xamón, o Alcalde recibiu hoxe de José Luis Bacelar un orixinal do cartel da primeira edición de 1967. Herdeiro do apelido Bacelar, esta familia está vinculada desde as orixes da festa á súa organización.

Na Imprenta Bacelar esbozouse o deseño do primeiro cartel e dende aquela imprimiu toda a cartelería. Unha imprenta que tivo un papel determinante na vida cultural canicense polo seu rol divulgador e que comezou ala polo ano 1876 como librería e papelería “Casa Bacelar” e que no ano 1906 comezaría xa a súa andaina como imprenta.

A entrega desta peza permite recuperar tamén un dato histórico que axuda a comprender a orixe da data que hoxe identifica a celebración: a primeira Festa do Xamón celebrouse o domingo 13 de agosto de 1967. Pero xa na 2ª edición de 1968, o 15 de agosto converteríase na data da Feria que chegaría ata os nosos días.

O Alcalde Luis Piña, quixo agradecer especialmente a entrega desta peza e puxo en valor o seu significado para a memoria da celebración: «Quero agradecer a José Luis Bacelar a xenerosidade de facer entrega ao Concello deste orixinal que pertencía ao canicense Rueda Pérez e que agora entrega ao Concello para o seu arquivo. É un agasallo de enorme valor histórico e sentimental”.

Orixe: Unha festa que se fraguou entre os meses de maio e xuño de 1967
A orixe da celebración está documentada na acta da sesión extraordinaria celebrada o 24 de xullo de 1967, presidida polo Alcalde Antonio Romero. No punto cuarto, dedicado ás “Festas da Vila”, facíase constar inicialmente que as festas estaban previstas entre os días 12 e 15 de agosto, ambos inclusive. Foi entón cando a Presidencia puxo de manifesto as «reiteradas indicacións do Gobernador Civil da Provincia» sobre a conveniencia de crear na Caniza unha festa dedicada ao xamón, atendendo a que se trataba dunha zona con xamóns de “inmellorable calidade” e á situación da localidade, que permitiría atraer «moita masa de xente de distintos pobos e turistas». A Corporación acordou por unanimidade crear e celebrar na Vila a Primeira Festa do Xamón o día 13 de agosto próximo.

Para a súa organización e desenvolvemento foi designado o concelleiro Mauricio Troncoso Castro, quen contou coa colaboración de numerosos veciños, entre eles Alejandro Pacheco, Tirso Pérez, Pedro Míguez, Emilio Rodríguez «Da Alejandrina» e Emilio Bacelar Queimadelos.

O primeiro cartaz da festa
Entre as primeiras tarefas de organización estivo a necesidade de dar a coñecer a nova celebración e dotala dunha imaxe propia. Neste labor tivo un papel fundamental Faro de Vigo. O seu director artístico, Javier Sánchez Puga, encargou ao ilustrador Pedro Ruiz Bofill o deseño do primeiro cartel da Festa do Xamón.

Bofill, licenciado en Belas Artes e profesor de debuxo, desenvolveu durante décadas a súa actividade profesional en Faro de Vigo, onde traballou como ilustrador, caricaturista e debuxante de historietas e tiras cómicas.

O cartel deseñado en 1967 incorporou unha serie de elementos gráficos que acabarían converténdose na imaxe de identidade da festa. O seu deseño mantívose recoñecible ao longo do tempo e o propio Concello da Caniza puido reencontrarse co seu creador en 2021, cando Bofill visitou a Casa Consistorial e deixou constancia da súa sinatura no Libro de Honra.

A outra peza fundamental desta historia foi a Imprenta Bacelar, propiedade da familia Bacelar. Alí se esbozou e se imprimiu o primeiro cartel e, posteriormente, os carteis das sucesivas edicións, mantendo unha vinculación coa Festa do Xamón que chega ata a actualidade.

Por iso, o exemplar que hoxe recibe o Alcalde ten un significado especial: une o primeiro deseño de Bofill, a Imprenta Bacelar e aquela primeira edición de 1967 coa celebración que A Caniza volverá vivir mañá, 60 edicións despois.

A 1ª edición celebrouse un 13 de agosto, domingo
As autoridades municipais fixaron a primeira Festa do Xamón para o 13 de agosto de 1967, unha data que aquel ano caeu en domingo, circunstancia moi favorable para unha celebración popular.

Ao ano seguinte, 1968, ano bisesto, manter a festa o día 13 tería suposto celebrala en martes, un día laborable. Por este motivo, as autoridades decidiron trasladar a segunda edición ao 15 de agosto de 1968, xoves, festividade da Asunción da Nosa Señora e incluída no calendario oficial de festas. A elección permitía así celebrar a festa nunha xornada festiva, favorecendo a asistencia de veciños e visitantes.

Ademais, os organizadores tiveron en conta a existencia da Festa do Polbo do Carballiño, que desde 1962 viña celebrándose o segundo domingo de agosto e que xa se atopaba plenamente consolidada. A coincidencia de ambas celebracións en 1967, cando o 13 de agosto foi precisamente o segundo domingo do mes, puxo de manifesto a conveniencia de buscar unha data propia para a Festa do Xamón. Por iso, para a segunda edición de 1968 decidiuse trasladar a celebración ao 15 de agosto, unha xornada festiva na que non se celebraba ningunha outra festa gastronómica de referencia na súa área de influencia, permitindo así á Caniza dispoñer dunha data propia e concentrar a atención de veciños, visitantes e turistas.

A entrega que hoxe realiza José Luis Bacelar ao Alcalde Luis Piña permite precisamente recuperar este detalle: un cartel nacido para anunciar aquela primeira edición do 13 de agosto de 1967, deseñado por Bofill e impreso na Imprenta Bacelar, volve estar en mans do Concello xusto cando A Caniza se prepara para celebrar unha festa que comezou hai seis décadas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.