A Caniza recibe ao novo Cónsul Honorario de México en Galicia

O Alcalde Luis Piña felicitou a Alfonso Pereira Sardi polo seu recente nomeamento

A Caniza | O Alcalde Luis Piña recibiu o pasado sábado ao recentemente nomeado Cónsul Honorario de México en Galicia, con sede en Ourense, Alfonso Pereira Sardi, nun encontro no que lle trasladou persoalmente a súa felicitación polo seu nomeamento e moitos éxitos nesta nova etapa. Unha responsabilidade que asume tras unha dilatada traxectoria profesional vinculada ao ámbito xurídico.

O Consulado Honorario de México en Galicia, con sede en Ourense, na rúa Progreso, 72, 2.º , foi inaugurado o pasado mes de xuño.

Durante a recepción, Luis Piña puxo en valor a relación que o Concello da Caniza mantén desde hai anos con Alfonso Pereira a través do seu despacho de avogados, co que vén traballando ao longo deste tempo, así como o seu coñecemento e experiencia no ámbito xurídico.

“Como Alcalde da Caniza é unha satisfacción recibir a Alfonso Pereira neste momento tan importante. Levamos anos traballando con el e co seu despacho, polo que coñecemos de primeira man a súa profesionalidade e compromiso. Estamos seguros de que asumirá esta nova responsabilidade con gran dedicación e queremos desexarlle todo o éxito nesta etapa”.

Pola súa parte o novo cónsul comprometeuse a traballar e a explorar oportunidades en beneficio do municipio da Caniza.

Luis Piña destacou tamén a dimensión humana desta función consular e a importancia dos vínculos existentes entre Galicia e México.

“Alfonso poderá desenvolver un magnífico labor e serán moitos os mexicanos e mexicanas que poderán contar coa súa experiencia e coñecemento. Desde A Caniza desexámoslle moitos éxitos como Cónsul Honorario”.

 

 

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.