A biblioteca municipal de Porriño celebra en abril o mes do libro

Con motivo do Día do Libro Infantil e do Día Internacional do Libro, e co obxectivo de fomentar e animar á lectura, haberá representacións de monicreques e xogos lúdicos para escolares, ademais do concurso de haikus aberto a todos os porriñeses

O Porriño | Comeza un novo mes e con el a biblioteca municipal de Porriño pon en marcha unha nova iniciativa de animación á lectura. Dependente da Concellaría de Cultural, que dirixe Teresa Veloso, desde a biblioteca organizaranse diversas actividades con motivo da celebración do Día do Libro Infantil, hoxe luns 2 de abril, e do Día Internacional do Libro, o próximo 23.

Representacións teatrais e xogos para os máis pequenos
Dirixidas ao público escolar, desenvolveranse tres actuacións de monicreques, enmarcadas no programa Letras Vivas da Xunta de Galicia, co obxectivo de animar á lectura aos máis pequenos da casa a través da utilización de monicreques, maxia, malabares, contacontos e diversos xogos lúdicos e formativos.

Así, a primeira delas celebrarase o xoves día 12 de abril, na que actuarán os Monicreques Cascanueces coa obra A rúa dás pantasmas; a seguinte será o día 19 e actuará Mundo Piruleta coa representación deÉrase unha vez… unha estantería e, finalmente, o 26 de abril actuará Rivel Animación coa obra Bibli-móbil infantil. Serán todas no centro cultural municipal ás 12.00 horas.

Concurso de haikus
Por outra banda, desde a biblioteca recordan que continúa aberto o prazo para presentar haikus. Trátase dun concurso que comezaba o día 24 de febreiro con motivo do Día de Rosalía de Castro, prolongándose ata o 23 de abril, Día do Libro, polo que todos os porriñeses aínda están a tempo de pór en práctica a súa creatividade literaria escribindo estes poemas xaponeses dedicados á natureza e participar con eles podendo optar ao premio dun e-book reader por categoría (infantil e adulto).

A temática dos haikus a presentar deberá versar sobre calquera aspecto relacionado coa natureza, mantendo a métrica clásica de 17 sílabas divididas en tres versos. A tradición do haiku indica que estes poemas, de aparencia sinxela, narran o que está sucedendo nun momento ou nun lugar determinado, representando un flash que ilumina un instante ou idea fugaz.

Cada persoa poderá participar co número de haikus que estime oportuno establecéndose dúas categorías, os nados a partir de 1996 e os nados antes de 1996. Os haikus presentaranse por escrito, presencialmente ou por correo postal, nas oficinas da biblioteca municipal (c/Domingo Bueno, 9 36400-Porriño) acompañados dos datos do autor (nome, apelidos, dirección postal, teléfono, DNI e categoría na que participa).