A ‘berlusconización’ da política española.

Os ensaios autonómicos previos (Andalucía, Castela e León, Valencia, Aragón, Estremadura) de pactos PP-VOX que poderían conducir a un goberno de dereitas na Moncloa de cara a este 23X (aínda que Feijóo non termine de definir a súa alianza con Abascal) evidencian a supervivencia do legado do recentemente falecido Silvio Berlusconi na política europea.

Con Giorgia Meloni consolidada en Italia, Viktor Orban en Hungría e xiro á dereita cabalgando dende Finlandia ata Polonia, a “berlusconización” da política europea, sorte de embrión antecesor do “trumpismo” en EE.UU e do “bolsonarismo” en Brasil, comeza a marcar o seu selo tamén na política española.

Así, o PP de Feijóo cada vez máis “ayusista” define o encaixe deste experimento político de corte populista de dereitas en España, algo que xa ven sendo habitual en Europa. E faino tamén con limpeza en casa incluída (final do ‘baltarismo’ en Ourense) coa finalidade de ‘purgar’ actores políticos incómodos para eventualmente gobernar na Moncloa e allanar o camiño para unha quinta reelección consecutiva na Xunta de Galicia en 2024.

“O PP de Feijóo cada vez máis ‘ayusista’ define o encaixe deste experimento político de corte populista de dereitas en España”

Tanto como os pactos PP-VOX non debemos perder de vista a consolidación política de Chega! en Portugal da man doutro populista como André Ventura, moi próximo a Abascal e admirador de Bolsonaro. Así, a “berlusconización-trumpista-bolsonarista” está aterrando na política ibérica anunciando claramente as súas aspiración de gobernar.

Esta realidade pon en evidencia a atomización política no seo das esquerdas pero tamén a irrelevancia daquelas opcións centristas e liberais ás que Feijóo presuntamente din formar parte. En cuestión de poder vale a maquiavélica realpolitik. Cun PSOE transitando por difíciles equilibrios internos que poden presaxiar a era “post-Sánchez”, un Unidas Podemos en declive agora ‘mimetizado’ no Sumar de Yolanda Díaz que achega máis incógnitas que certezas e un Cidadáns irrelevante e en vías de extinción, a ‘nova dereita’ PP-VOX vese ‘empoderada’ para ter vía libre e expresar as súas aspiracións políticas. Xa o está facendo a nivel municipal, autonómico e agora pretende dar o salto a nivel estatal. Os seus aliados mediáticos pon o seu grao de area para favorecer ese ‘mundo PP-VOX’, potenciando ese discurso reaccionario e “antiprogresista”.

Tras múltiples “liftings” faciais que en nada cambiaron o seu ideario político nin moito menos a súa vida privada versión reality show de Mediaset, o centro do seu emporio empresarial, Berlusconi morreu en xuño pasado aos 86 anos. Pero o seu legado persiste. Está en políticos de carreira como Meloni, Abascal, Orban ou Ventura. E tamén en compañeiros de viaxe como Feijóo que incluso non ten reparos en ‘pasar por alto’ o tradicional sentidiño galego do que tanto se vanagloria. Todo vale para saír do “sanchismo” e dos seus aliados ‘progres‘. Os camiños da Moncloa teñen eses arriscados atallos.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.