A alcaldesa acláralle a En Marea que Mos ten unha Corporación propia para a toma de decisións

Mos/PP | Ante a proposición non de lei presentada por En Marea no Parlamento Galego solicitando unha cesión parcial do Rebullón ao Concello de Mos, a alcaldesa de dita administración local, Nidia Arévalo manifestouse hoxe indignada ante a osadía deste grupo parlamentario de facer semellante petición sen escoitar o que quere toda a Corporación Municipal.

“Só faltaba que teña que ser En Marea a que nos represente no Parlamento”, declarou a rexedora local mosense, quen advertiu a dito grupo parlamentario de que “en Mos somos maiores de idade e non necesitamos a ninguén que nos diga o que temos que face rnin fale por nós”. Así mesmo, Arévalo instou a En Marea “a retirar a proposición non de lei presentada no Parlamento e a pedir desculpas, xa que semellante petición ten que partir da Corporación e non deles”, sentenciou a alcaldesa. A este respecto, e tal e como anunciou hoxe Arévalo, o grupo municipal do Partido Popular levará unha moción ao vindeiro Pleno ordinario.

Ademais afirma Nidia Arévalo que “é unha barbaridade que o Concello asuma unha parte do Rebullón e máis nas condicións nas que está, é un custe que non poden asumir as arcas municipais e nótase que esta proposta ven dun grupo que descoñece totalmente a realidade da nosa localidade”.

E sobre todo foI moi dura a alcaldesa de Mos co grupo municipal Gaña Mos por “mentir descaradamente, xa que a súa moción que foi aprobada por unanimidade en Pleno non fala de ningunha cesión de uso parcial senón de buscar unha fórmula satisfactoria de uso do edificio e do entorno do Rebullón e crear unha comisión con representación de todos os grupos políticos para o seguemento e toma de decisións sobre o proceso, así como instar á Xunta de Galicia a que faga un estudio técnico económico para a recuperación e posta en funcionamento do edificio beneficiando a nivel servizos aos veciños e veciñas de Mos”.

Como se pode comprobar, a devandita moción non fai referencia en ningún momento nin en ningún caso a un convenio de cesión e alude en todo momento ao uso e non á propiedade do antigo hospital Rebullón. E en todo caso faise referencia a que sexa a Xunta quen o asuma, xa que se trata dun gasto inasumible por parte da administración local.

Por todo elo, conclúe Nidia Arévalo, esixíndolles aos membros de En Marea e de Gaña Mos “responsabilidade e que deixen de mentir, de enganar á opinión pública que, aínda que é o que mellor saben facer, as mentiras teñen as patas moi curtas”, sentenciou a alcaldesa.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!