
Ponteareas | O Concello de Ponteareas prepara unha cita imprescindible para os amantes dos videoxogos e o lecer tecnolóxico durante as festas de Nadal. Os vindeiros sábado 2 e domingo 3 de xaneiro de 2027, o Pavillón Álvaro Pino converterase no epicentro do lecer electrónico coa celebración da primeria edición de PonteGamer, o Festival de Videoxogos e Cultura Dixital de Ponteareas.
Baixo o lema “Xoga, crea, compite, descobre, comparte”, o festival está deseñado como un espazo aberto e interxeracional que combina o xogo libre e familiar coa competición de alto nivel. O horario de apertura será de 11:00 a 21:00 horas o sábado, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo.
O concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, puxo en valor a aposta por un formato accesible para a mocidade da vila, destacando que “con PonteGamer queremos ofrecer á nosa xuventude e á veciñanza un evento de referencia na cultura dixital sen saír de Ponteareas”. Deseñamos “unha programación gratuíta onde teñen cabida tanto os xogadores máis competitivos como quen queira pasar un bo rato en familia”, engadiu Montes.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou o carácter integrador do evento dentro da axenda festiva local, poñendo de manifesto que “este festival nace para unir xeracións arredor dun lecer saudable e creativo en pleno Nadal, transformando o Pavillón Álvaro Pino nun punto de encontro onde nenos, mozos e maiores compartan experiencias desde as consolas clásicas ata a realidade virtual”.
Competicións e espectáculos en directo
O recinto contará con diversas illas de competición equipadas con 18 postos de xogo onde se disputarán torneos oficiais ao longo de toda a fin de semana. O sábado, 2 de xaneiro, haberá torneos de Tekken 8 (en PS5, con final no escenario principal) e Street Fighter 6 (en PC). A xornada contará ademais cun atractivo showmatch de Tekken 8 no que o gañador do torneo se enfrontará a BadCat, considerado o mellor xogador de Galicia.
O domingo, 3 de xaneiro, haberá Torneos de Super Smash Bros. (en Nintendo Switch, con final no escenario) e Guilty Gear Strive (en PC). Por outra banda, a Zona PC (con 10 equipos dispoñibles) acollerá competicións «rei de pista» de Rocket League (modalidade 1v1 o sábado e 2v2 o domingo) e será o escenario dun show 5 contra 5 de Counter-Strike 2 na tarde do sábado (de 18:45 a 20:15 h), que combinará partida e charla comentada en directo.
Experiencias inmersivas, zona retro e lecer familiar
PonteGamer aposta tamén pola participación de todo tipo de públicos a través de áreas temáticas específicas. A zona Familiar e Deportes acollerá a Copa de Mario Kart (carreiras de 4 xogadores) e os torneos de EA SPORTS FC (por equipos de club o sábado e por seleccións o domingo), ademais de xogos como Switch Sports.
No apartado de Experiencias tecnolóxicas, o público poderá probar 3 postos de Realidade Virtual (Beat Saber), 2 simuladores de condución (Gran Turismo 7) e unha máquina de baile. Tamén haberá unha Zona Retro e Arcade, un espazo para a nostalxia equipado con máquinas recreativas e 4 postos de consolas clásicas con televisores CRT.
Retos de puntuación e programación en escenario
Durante todo o horario de apertura, as zonas sen torneo manterán activos retos de puntuación en xogos como Beat Saber, Gran Turismo ou máquinas recreativas. As persoas asistentes que superen as marcas establecidas obterán premios directos —como chaveiros impresos en 3D— e entrarán no sorteo dun premio maior que se entregará na clausura do domingo.
O escenario principal manterá unha programación ininterrompida desde as 12:00 horas en ambas xornadas, incluíndo a benvida oficial, concursos interactivos (Kahoot), charlas divulgativas sobre cultura dixital, retransmisións comentadas por casters e a entrega final de premios.




