Un 25N contra a violencia de xénero

Actividades e manifestacións polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Diversos Concellos e formacións políticas do Condado-Paradanta, a Louriña, Vigo, Baixo Miño e Val Miñor honraron o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres este 25N. Na foto principal (BNG de Vigo) pode apreciarse a manifestación contra a violencia machista na cidade olivica.

Mos lembra a Belén, asasinada pola violencia machista
O Concello de Mos celebrou no Multiusos o acto institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, baixo o lema “Pechemos a porta á violencia de xénero”.

A convocatoria estivo marcada pola lembranza de Belén, a veciña de Mos asasinada vítima da violencia machista. Durante a cerimonia deuse lectura aos nomes das mulleres vítimas da violencia machista incluídas na homenaxe.

A Fronte Ampla e o BNG mobilízanse en Vigo
As candidatas ao Congreso Gloria Alonso Domínguez, e Verónica Barbero encabezaron a monilización da Fronte Ampla en Vigo con motivo do 25N. A concentración lembrou á muller asasinada este mesmo 25 de novembro en Bullas (Murcia)

Pola súa banda, o BNG de Vigo tamén participou na manifestación esixindo máis recursos e menos discursos e “plantando cara á onda reaccionaria que quere retroceder en dereitos e liberdades”. En Vigo tramitáronse 1.325 denuncias por violencia contra as mulleres no que vai de ano, catro cada día, un 20 % máis que no mesmo período do ano pasado.

Concerto, cinema e teatro en Tui
Tui celebrou este 25 de novembro cun concerto de Sheila Patricia. Con entrada libre ata completar o aforo, o Espazo Sociocultural acolle este 26 e 27 de novembro a programación conmemorativa do 25N coa proxección da película “La buena hija” de Júlia de Paz Solvas e a representación da agrupación Denigrantes Comediantes “O que calamos”, obra dirixida por Marien Breis.

“Cadeiras baleiras” no Porriño
Coa presenza da maxistrada María Jesús Mosteiro, responsable dos asuntos de violencia sobre a muller no Xulgado do Porriño, a Praza Arquitecto Antonio Palacios acolleu os actos centrais do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha xornada marcada pola emoción, a reivindicación e o recordo ás vítimas baixo o lema municipal “Nin medo nin silencio. Liberdade”.

A través da actividade “Cadeiras baleiras”, que contou coa activa participación do alumnado da ESO, visibilizouse ás 47 mulleres asasinadas este ano en España.

Manifesto do alumnado do CEP Altamira en Salceda
O Pavillón Municipal acolleu o acto central do 25N coa actuación musical do alumnado da Escola de Música de Salceda, un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista e a lectura do manifesto, a cargo do alumnado do CEP Altamira.

O acto rematou coa entrega de premios do concurso de carteis en contra da violencia machista, recoñecendo o compromiso e a creatividade das persoas participantes.

Declaración institucional da FEGAMP na Caniza
Diante da Casa Consistorial, o Alcalde Luís Piña deu lectura á Declaración Institucional que a FEGAMP reivindicando a “eliminación da violencia contra as mulleres”.
O acto rematou cun minuto de silencio para lembrar a todas as mulleres vítimas da violencia de xénero, en calquera das súas manifestacións.
Covelo, As Neves, Mondariz e Balneario tamén se sumaron ao 25N
O CEIP Antonio Blanco Rodríguez de Covelo acolleu a lectura dun manifesto elaborado polo seu alumnado nun acto de sensibilización e compromiso coa igualdade e co rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres.
Pola súa banda, o Concello das Neves fixo extensiva a Declaración Institucional da FEGAMP a todos os Concellos das comarcas do Condado-Paradanta (Ponteareas, Salvaterra, Covelo, Arbo, As Neves, Mondariz e Crecente) cunha mensaxe clara e unánime: condena rotunda a todas as formas de violencia machista.
Os Xardíns do Concello de Mondariz foron o escenario dunha actividade comunitaria organizada polo Departamento de Servizos Sociais do Concello, en colaboración co CPI de Mondariz e o Centro de Día, na que se realizou un minuto de silencio e a lectura dun manifesto en memoria das vítimas. Posteriormente, cada persoa participante escribiu unha mensaxe contra a violencia machista que foi atado a unha árbore do xardín. En Mondariz Balneario, o alumnado da Escola Pública deu lectura a un manifesto.
Baixo Miño e Val Miñor tamén denunciaron a violencia machista 
A Sala de Exposicións do Concello do Rosal acolle este 26 de novembro unha nova cita cos “Cafés en Igualdade” para conversar coa educadora Angelina Gándara sobre a forza dos vínculos e das redes de apoio entre mulleres.
Centos de persoas acudiron á Praza do Seixo do Concello de Tomiño para dar lectura ao manifesto contra a violencia de xénero, acompañados da alcaldesa, Sandra González, e o grupo Sachos Violetas.
Baiona presentou unha nova campaña de sensibilización baixo o lema “A violencia de xénero tamén é dixital”, co obxectivo de visibilizar las novas formas de violencia machista que se producen a través das tecnoloxías e as contornas dixitais.
O Pavillón Municipal de Gondomar acolleu un emotivo acto de lembranza e homenaxe ás vítimas da violencia machista que contou coa participación do alcalde, Paco Ferreira, da concelleira de Igualdade, Nuria Lameiro, e de membros da Corporación Municipal, xunto co alumnado, profesorado e comunidade educativa dos institutos IES Auga da Laxe e IES Terra de Turonio.

 

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.