Un Plan de Actuación 2027 “disruptivo e innovador” para a Zona Franca

Os proxectos contemplan un investimento de 123M€

Vigo | O Comité Executivo da Zona Franca de Vigo aprobou este 25 de novembro o Plan de Actuación anual para 2027 que, con 123M€ en investimentos, contempla as liñas estratéxicas enfocadas na nova economía e proxectos disruptivos marcados pola innovación, o apoio ao tecido empresarial, a transformación tecnolóxica e os novos sectores industriais.

Tamén se aprobou o Plan Plurianual 2027-2029 e as Contas Anuais Individuais de 2025, cun balance final de 614,5M€ de activos, un patrimonio neto de 569,3M€ e un resultado do exercicio positivo por importe de 37,6M€.

Entre os proxectos estratéxicos destacan as obras do Edificio 4 do VgoTIC Global HUB, que alberga a Incubadora de Alta Tecnoloxía; e o desenvolvemento da planta de chips fotónicos do proxecto ARDORA no PTL que, con INDRA, prevé a creación de máis de 200 empregos cualificados, así como a participación nos proxectos europeos EUROPHOTONICS e CHIP4DRIVE.

En canto a infraestruturas empresariais, en 2027 comezarán as obras da ampliación do PTL, dos parques de Balaídos e A Garrida; licitarase a redaccion do proxecto de A Pasaxe en Gondomar; e desenvolverase o ámbito do futuro parque empresarial de A Cañiza. O Plan contempla igualmente a licitación das novas naves da Zona Franca na PLISAN; a licitación das obras para o aparcadoiro de A Balsa; a execución das obras do novo Centro de Negocios en Redondela; e o impulso dos novos Centros xa anunciados en Vilagarcía, Salceda e Pontevedra.

Tamén avanzarase na adquisición da parcela de Avenida de Madrid para o futuro HUB Audiovisual de Vigo; a aceleradora de Seguridade e Defensa (Zona Franca e ASIME); a segunda edición de startTIC; a Asociación Rede de Incubadoras de Alta Tecnoloxía (Rede IATs); novas edicións dos programas ViaExterior, ViaGalicia, BFA e High Tech Auto; a terceira edición do Vigo Global Summit coincidindo co 80 Aniversario da Zona Franca; un novo programa de impulso ao liderado feminino nas empresas; a transformación dixital da CZFV; reforzo da colaboración coa Uvigo a través da Cátedra ARDAN.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.