
Ourense/BNG | A cabeza de lista do BNG por Ourense ao Congreso, Noa Presas, mantivo un encontro con persoas migrantes na cidade de Ourense onde abordou os principais retos aos que se enfronta a poboación migrante, así como para trasladar as propostas que a organización defenderá nas Cortes do Estado a partir do 29N co obxectivo de “garantir os seus dereitos e avanzar cara a unha sociedade máis xusta, inclusiva e igualitaria”.
Durante o encontro, onde tamén participaron o voceiro municipal e candidato á alcaldía do BNG, Luís Seara, a cabeza de lista destacou o compromiso do BNG coa defensa dos Dereitos Humanos fronte ao avance dos discursos racistas e xenófobos.
“Nun momento en que asistimos á normalización de discursos de odio que sinalan e criminalizan as persoas migrantes, o BNG ten moi claro que ningunha persoa é ilegal e todos os seres humanos deben ter garantidos os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades” subliñou Presas durante a conversa.
“Non podemos permitir que se utilice a orixe das persoas para dividir a sociedade nin para xustificar recortes de dereitos” afirmou Presas. Neste sentido, reivindicou a contribución das persoas migrantes á sociedade galega e ourensá e defendeu que “a diversidade é unha realidade que nos enriquece como país e que debemos protexer, non converter nun problema”.
Noa Presas sinalou que a defensa dos dereitos das persoas migrantes debe traducirse en medidas concretas e políticas públicas. “Non abonda con proclamar a igualdade: hai que garantir que todas as persoas poidan acceder en condicións de igualdade á vivenda, ao emprego digno, á sanidade, á educación e ao conxunto dos servizos públicos”, apuntou.
Entre as propostas que o BNG defenderá en Madrid atópase impulsar as reformas lexislativas necesarias para garantir os dereitos da poboación migrante en todos os ámbitos, reforzar os recursos humanos e materiais das oficinas de estranxeiría para axilizar os procedementos administrativos e garantir unha atención adecuada, así como combater calquera forma de discriminación e racismo nas administracións públicas e no conxunto da sociedade.
A cabeza de lista por Ourense puxo o foco na necesidade de garantir os dereitos das persoas refuxiadas e solicitantes de asilo, avanzar na inclusión social e laboral e asegurar que ningunha persoa quede atrás por razón da súa orixe ou situación administrativa.
Finalmente, Presas subliñou que “o 29N tamén está en xogo que modelo de sociedade queremos construír: unha sociedade que exclúe e sinala ou unha Galiza que acolle, integra e garante dereitos”. Por iso, afirmou que o BNG levará ao Congreso “unha voz propia para defender tamén a igualdade, a convivencia e os dereitos de todas as persoas, fronte a quen pretende facer do racismo e a xenofobia unha ferramenta política”.
“O BNG dará a sorpresa”
Noa Presas, comprometeuse durante o encontro mantido coa veciñanza de Vilar de Barrio a levar a Madrid unha voz propia, firme e sen ataduras para defender os intereses de Ourense e conseguir avances concretos para a cidadanía. “O BNG irá a Madrid este 29N para defender, negociar e conseguir futuro para Ourense” asegurou.
Presas reivindicou a utilidade de contar cunha representación nacionalista no Congreso fronte a máis de corenta anos de bipartidismo, que considera responsables da falta de atención ás necesidades da xente. “Eu non veño a falar dos problemas que ten Ourense, preséntome a estas eleccións para conseguir resolvelos alí onde se toman as decisións” afirmou, incidindo en que Ourense precisa representantes que vaian a Madrid a defender os seus intereses e non a obedecer as directrices dos grandes partidos estatais.
Neste sentido, subliñou que “o útil é ir a Madrid para facer valer Galiza e Ourense, non para obedecer”, e reivindicou o papel do BNG como unha forza política que negocia desde a defensa dos intereses galegos e que non dá por boas as decisións que prexudican o país. “Este 29N témolo claro: nin mal maior nin mal menor. En Galiza hai en quen confiar” manifestou.
A cabeza de lista tamén se referiu á campaña electoral, marcada pola mobilización da militancia e das persoas simpatizantes mesmo en condicións meteorolóxicas adversas. “Enchemos as rúas outra vez de paraugas e de dignidade, e imos facer o mesmo nas urnas este 29N” sinalou.
Presas trasladou unha mensaxe de confianza na capacidade da cidadanía ourensá para abrir unha nova etapa política e romper coa resignación. “Este é o país da valentía. Nunca máis medo ou resignación”, afirmou, convencida de que estas eleccións poden marcar un punto de inflexión para que Ourense conte cunha representación propia que faga valer a súa voz nas institucións do Estado.
“Non imos fallar, ninguén nos vai parar” concluíu, chamando a aproveitar a oportunidade do 29N para que Ourense teña por fin unha voz propia no Congreso.




