
Salvaterra de Miño/BNG | A candidata do BNG ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, considera imprescindible a construción dunha nova ponte internacional vinculada á Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN) para mellorar as conexións entre o Condado e o norte de Portugal. Así o manifestou durante a visita realizada hoxe á plataforma loxística, acompañada polo responsable comarcal do Condado, Xavier Viéitez; a deputada Cristina Fernández; a voceira do BNG en Salvaterra, Patricia Mariño; a voceira das Neves, Alba Casas; o concelleiro e candidato de Salceda, Tano Guerra; a candidata de Covelo, Belén García, e outras persoas integrantes da formación nacionalista.
Da Silva subliñou que o novo viaduto, xa incluído no seu momento no Plan Move, permitiría conectar de maneira máis directa o territorio luso con Galiza a través da A-52, facilitando tanto o transporte de mercadorías como os desprazamentos das persoas entre ambos os dous lados da raia. Unha conexión que cualificou de fundamental para reforzar as relacións económicas, comerciais e humanas dunha comarca como o Condado que ten en Portugal un espazo de relación e oportunidades estratéxico.
A nova ponte permitiría, ademais, retirar o tráfico pesado do centro urbano de Salvaterra, cunha mellora directa da seguranza viaria e da calidade de vida da veciñanza. “Non pode ser que todo o tráfico da plataforma loxística pase polo centro de Salvaterra e tampouco pode ser que non teñamos unha conexión axeitada con Portugal”, advertiu a candidata nacionalista.
Neste sentido, incidiu en que o desenvolvemento da PLISAN debe ir acompañado das infraestruturas de comunicación necesarias para garantir o seu funcionamento e aproveitar todo o seu potencial. “O tráfico de mercadorías e de persoas ten que ter unha circulación correcta. Precisamos unha conexión internacional á altura das necesidades desta comarca e das relacións que mantén co norte de Portugal”, sinalou.
Pola súa banda, a voceira do BNG en Salvaterra, Patricia Mariño, incidiu na necesidade de sacar o tráfico pesado do centro urbano, unha situación que se agravará a medida que a plataforma vaia incorporando novas empresas. “Agora mesmo só hai dúas empresas, pero a pouco que veñan máis, o tráfico vaise intensificar e será unha situación absolutamente inviable”, advertiu. Mariño considera que é necesario anticiparse a ese crecemento e dotar a PLISAN dunha conexión propia que evite que o tránsito de camións acabe colapsando o núcleo urbano.
A voceira do BNG nas Neves, Alba Casas, puxo tamén o foco na necesidade de que as infraestruturas que se desenvolvan arredor da plataforma loxística repercutan no conxunto da poboación. Neste sentido, defendeu que se aproveiten todas as actuacións e novas conexións previstas para mellorar tamén os servizos e as comunicacións da cidadanía, e non unicamente as necesidades da actividade empresarial.
Carme da Silva comprometeuse a defender e impulsar a ponte internacional dende Madrid, reclamando que o Goberno do Estado a incorpore entre as súas prioridades. “Para corrixir esta eiva necesitamos que o BNG teña forza en Madrid, para que no Goberno do Estado entendan que esta infraestrutura é unha prioridade para toda a comarca”, concluíu.
O “voto útil” en Mondariz
A portavoz nacional, Ana Pontón, apelou en Mondariz Balneario a unir no BNG o voto galego nas eleccións xerais do 29N para darlle máis forza a Galiza e para gañar en dereitos e vida digna.
“Temos que concentrar no BNG o voto galego, o voto que ten a Galiza na cabeza e no corazón para acabar co guión da discriminación a este País”, proclamou nun mitin de precampaña xunto aos cabezas de lista ao Congreso por Pontevedra e pola Coruña, Carme da Silva e Néstor Rego, respectivamente.
Pontón chamou a “alzar a voz” dándolle “máis forza ao BNG” para dicir que “aquí está Galiza” fronte á “sordina bipartidista” que considera aos galegos e ás galegas como “a última carta da baralla”. A líder nacionalista incidiu na necesidade de que Galiza teña máis “peso político” en Madrid da man do Bloque, porque isto implica ter máis capacidade de presión en favor dos galegos e das galegas, máis atención do Goberno central aos problemas do País ou máis investimentos e un mellor financiamento para infraestruturas e servizos.
“Somos a esperanza doutra política posible que é máis urxente que nunca”, subliñou, para advertir a continuación sobre un modelo, cuestionado cada vez por máis xente, que crea máis desigualdade e pobreza, entre clases sociais, pero tamén entre pobos.
Neste sentido, recordou que o territorio que máis medrou no Estado nos últimos 25 anos foi Madrid, unha gran aspiradora de recursos, riqueza e investimentos. “Nestes 25 anos, a pesar de que temos máis recursos naturais que Madrid e de que somos produtores netos de enerxía e Madrid non, Galiza perdeu peso no PIB do Estado e perdeu poboación e industria”, advertiu.
A portavoz nacional reivindicou ao Bloque tamén como garantía na defensa dos dereitos das maiorías sociais e dunha unha vida digna fronte a un bipartidismo sistémico que traballa para seguir concentrando a riqueza nas mans duns poucos, para seguir centralizando en Madrid investimentos e infraestruturas e para seguir alimentando unha espiral belicista que considerou un disparate.
Pontón recordou neste punto que o gasto militar do Estado para 2026 ascendeu a 35.419 millóns de euros, mentres que nos seus orzamentos só incluíu 2.235 millóns ás políticas de vivenda. “Se queremos cambiar estas prioridades temos que unir no BNG ás persoas que queren unha sociedade máis igualitaria, con dereitos, liberdades e paz, unir todo o voto das persoas que levamos a Galiza na cabeza e no corazón e que lles indigna e doe a discriminación deste País”, sintetizou.
Pola súa parte, Carme da Silva asegurou que as eleccións do 29N son unha oportunidade de esperanza e de construír un futuro mellor para as galegas e os galegos. Chamou á cidadanía a elixir con convicción, orgullo e amor ao País, sen medo e con ilusión, para que Galiza gañe peso político no Estado e conte en Madrid cunha voz propia, libre de ataduras e que só responda ante o pobo galego.
A candidata por Pontevedra insistiu en que cada apoio ao Bloque ten peso á hora de facer valer os intereses do país e conseguir que sexa unha prioridade. Fronte a quen chama a conformarse co mal menor, defendeu a necesidade de votar con ambición, orgullo e ilusión, pensando no futuro que merece Galiza e non nas opcións que simplemente se presentan como unha alternativa á dereita.
No referido ás necesidades da comarca do Condado e do sur da provincia, Da Silva comprometeuse a incorporalas na súa axenda galega nas Cortes. Entre as principais reivindicacións citou a construción da ponte internacional que dea servizo á Plisan e mellore a conexión con Portugal, a posta ao día da N-120, o reforzo da conectividade e unha estratexia de mobilidade específica para o sur da provincia. Tamén reclamou máis partidas e investimentos para garantir uns servizos públicos de calidade no rural.
Néstor Rego, pola súa banda, animou a multiplicar a confianza no BNG o 29N porque “non defraudamos. Cumprimos cos galegos e coas galegas, coas políticas sociais e de avance democrático e coa obriga política de parar ao bloque reaccionario”. Contrastou a actuación do BNG centrada na defensa dos intereses da Galiza co “total esquecemento das outras forzas políticas con representación galega, que nas campañas prometen e en canto chegan a Madrid xa Galiza non existe”.
Neste sentido, subliñou que o BNG é a única forza política que nada máis chegar ás Cortes negociou un acordo que “puxo o noso País na axenda política do Estado, ninguén máis o fixo”. Un acordo que supuxo importantes actuacións para o País, como as bonificacións da AP-9 e da AP-53, a quita da débeda, a mellora e modernización de liñas ferroviarias, o estudo das cercanías, o aumento dos fondos para a dependencia, o incremento das pensións mínimas e non contributivas por riba do IPC, os novos xulgados de violencia de xénero ou o estudo da conexión ferroviaria directa entre Lugo e Santiago, entre outras moitas.
“Cumprimos coa Galiza porque o BNG é unha voz insubornábel na defensa dos seus intereses. Somos a única alternativa real á hora de colocar a Galiza na axenda estatal”, aseverou. Por iso, puntualizou, presentámonos ás eleccións do 29N co orgullo de termos cumprido os nosos compromisos coa Galiza, coas defensa de políticas sociais avanzadas e como dique fronte ao bloque reaccionario. “O traballo realizado polo BNG é a mellor garantía de futuro para a Galiza”, remarcou.
Néstor Rego apelou, por último, as persoas que poidan estar decepcionadas cos incumprimentos das forzas do Goberno “a non quedar na casa, que favorece a dereita, porque na Galiza hai alternativa, está o BNG. Somos a única forza política que medra. Necesitamos máis apoio para frearmos as dereitas e termos unha representación mais forte en Madrid que dea esperanza aos galegos e ás galegas”, concluíu.




