Ponteareas amosa gastronomía e alfombras de Corpus en Xantar

O “Programa de Emprego Compromiso Xuvenil II” fai a promoción en Expourense

Ourense | O Concello de Ponteareas ten aberto en Expourense unha caseta, participando así na edición 27 de Xantar. É o “Programa de Emprego Compromiso Xuvenil II” quen se encarga da promoción turística e gastronómica do Concello neste Salón Internacional de Turismo Gastronómico. Mozas e mozos ponteareáns informan ao público asistente de rutas, celebracións e eventos que se desenvolven durante o ano en Ponteareas así como da variedade gastronómica que ofrece o municipio. Ofrecen catas degustación da afamada rosquilla e da marmelada de Guláns.

Noutro apartado do Salón expoñen unha alfombra do Corpus elaborada pola asociación de alfombristas de Ponteareas, de recoñecido prestixio. Elvira Krug é a docente que imparte ao alumnado a teoría e a práctica. O Concello de Ponteareas activou esta importante ferramenta para combater o desemprego e impulsar a inserción laboral da mocidade local co lanzamento do programa “Compromiso Xuvenil II”. Esta iniciativa que combina formación remunerada e emprego, enmárcase dentro do plan “Talento Mozo”, promovido de forma directa polo Concello de Ponteareas e financiado pola Xunta de Galicia, a través de la Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, xunto con Fondo Social Europeo Plus (FSE+).

O programa benefia a un total de 16 persoas desempregadas menores de 30 anos. A gran vantaxe de “Compromiso Xuvenil II” é o seu modelo mixto, que garante a alternancia entre a capacitación teórica e o traballo efectivo. Deste xeito, os alumnos-traballadores asinarán un contrato de traballo de 12 meses de duración e percibirán unha remuneración equivalente ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) dende o primeiro día.

A alcaldesa, Nava Castro, destacou a importancia estratéxica de dar continuidade a esta liña de axudas laborais no municipio, poñendo de manifesto que o programa “supón unha oportunidade de ouro para fixar e potenciar o talento da nosa mocidade sen que teñan que marchar fóra”. A alcaldesa enfatizou sobre o dobre beneficio do programa, manifestando que “damos un emprego digno e remunerado dende o primeiro minuto a 16 mozos da vila, ao tempo que incorporamos profesionais cualificados para dinamizar dous sectores estratéxicos como son o noso turismo e as actividades socioeducativas e de lecer tanto infantís como xuvenís”.

Itinerarios profesionais de futuro
O proxecto estrutúrase en dúas especialidades específicas, plenamente adaptadas ás demandas actuais do tecido socioeconómico local, como é a de “Dinamización Turística”, unha formación de Nivel 3 dirixida a potenciar o patrimonio, a cultura e os recursos locais. O requisito académico de acceso para este itinerario é contar co título de Bacharelato ou equivalente. Son oito os contratos que se ofrecen ao igual que para a especialidade de “Dinamización Socioeducativa, Lecer e Tempo Libre”, unha formación orientada ao deseño e execución de actividades educativas, xuvenís e comunitarias. O requisito de acceso para esta especialidade é posuír a ESO ou FP Básica. Nas fotos, os alumnos-traballadores no stand do Concello de Ponteareas e ante a alfombra do Corpus 27.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.