
Fernando Groba Bouza | Xosé Luís Méndez Ferrín, para alén de ser un excelente escritor, un destacado político, un admirábel profesor, un excelso académico, foi un verdadeiro e xenuíno amante do mundo ecuestre.
Nomeadamente no Faro de Vigo, deixou publicados decenas e decenas de artigos a falaren das burras do monte, dos curros das Terras de Turonio, do paso da andadura que fan os cabalos autóctonos. Valoraba moitísimo a función medioambiental destes animais para evitaren incendios e denunciaba as ameazas humanas que padecen: a canteirización, a eucaliptización e a eolicalización dos montes.
Ademais, falaba da Federación Hípica Galega (FHG), da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, de eventos ecuestres destacados en que non se usaba a lingua propia do país e mais de persoeiros destacados, como os tudenses Juan Oliveira Viéitez (autor da escultura d’Os cabalos de Vigo) e Joaquín/Xaquín/Quin González Troncoso (membro da FHG que conseguiu federar o paso de andadura como disciplina ecuestre).
“Ferrín transmite nos escritos a felicidade que lle provocaba asistir aos curros da Serra da Groba e dos montes do Galiñeiro”
Ferrín transmite nos escritos a felicidade que lle provocaba asistir aos curros da Serra da Groba e dos montes do Galiñeiro. Destacaba este último como o “curro vigués”, o que representaba e pertencía á Cidade Olívica. O autor de Percival e outras historias, Antón e os inocentes, Arnoia, Arnoia, Bretaña esmeraldina ou Arraianos coñecía este mundo cunha profundidade extraordinaria porque tamén adoraba montar a cabalo. Sempre que podía, non dubidaba en gozar dun saudábel e aventureiro paseo.
Mais a querenza pola arte ecuestre galega non só aparece nestes artigos de opinión, senón tamén e moita da súa poesía e da súa prosa literaria. Xa que logo, gustaríame rematar este artigo cuns versos do poema “Cabalos” do seu libro Estirpe (1994), un poemario cuxos ingredientes son os elementos que conforman a nosa identidade e os cabalos son un dos seus piares principais:
sinte o cabalo o peso do seu amo
e bólelle o corazón igoal ca os cascos
pois aquel galego arcaico que lle impuxera
a marcha de andadura
que o deprendera e abaixara coma un
que domease bimbios por facer un queipiño
saberá levalo contra o sitio do mundo
das paces ou das guerras
necesario para que resulte este futuro
do que hoxe nos laiamos
Fernando Groba Bouza. Profesor titular de Lingua e Literatura Galega no IES do Barral de Ponteareas
PD: A fotografía está publicada no libro “Nós, Galiñeiro” que publicou o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) no 2012.




