
Arbo | O Concello de Arbo, en estreita colaboración cos comerciantes da Praza de Abastos, pon en marcha a quinta edición da campaña de dinamización comercial “Ven ao teu Mercado tamén en Nadal”. A iniciativa ten como principal obxectivo incentivar o consumo local, captar novos clientes e agradecer a confianza e fidelidade das persoas que elixen os postos do mercado municipal para realizar as súas compras nestas datas sinaladas.
O comercio na Praza de Abastos constitúe unha peza fundamental da economía local, permitindo aos pequenos empresarios e produtores ofrecer produtos frescos, de tempada e de máxima calidade de xeito directo ao consumidor. Neste sentido, o alcalde de Arbo, Horacio Gil, destacou a importancia de manter vivo este espazo tradicional: “Impulsar as compras na Praza de Abastos non só apoia a quen traballa nela, senón que tamén garante que a tradición do noso mercado perdure para as futuras xeracións, enriquecendo a vida social e económica do pobo”.
O período promocional desta V edición desenvolverase dende o 18 de novembro ata o 22 de decembro de 2026 ás 13:00 horas. Para participar, de xeito totalmente gratuíto e individual, as persoas maiores de 18 anos que efectúen calquera compra nos establecementos ou postos situados na Praza de Abastos de Arbo recibirán unha papeleta no momento do pago, que deberán cubrir cos seus datos persoais e teléfono de contacto e depositar na urna habilitada no propio mercado.
Coa finalidade de recoñecer o apoio da clientela nunha época na que medra a demanda de produtos frescos, sortearanse tres cestas da compra (non transferibles nin trocables por diñeiro). O sorteo celebrarase o martes 22 de decembro de 2026, ás 13:00 horas, na propia Praza do Mercado, mentres que a entrega dos premios terá lugar o xoves 24 de decembro de 2026 no mesmo recinto, xusto a tempo para as celebracións de Noiteboa.
Dende o Concello de Arbo e a Praza de Abastos anímase a toda a veciñanza e visitantes a achegarse ao mercado municipal, gozar da atención próxima dos seus comerciantes e apostar polo comercio local neste Nadal.
Concurso de Decoración “Arbo no Nadal”
Por quinto ano consecutivo, o Concello de Arbo, a través da súa iniciativa de participación cidadá, pon en marcha o V Concurso de Decoración Navideña “Arbo no Nadal”, un certame dirixido ás asociacións, colectivos, establecementos comerciais e particulares do municipio que busca transformar a localidade nunha contorna acolledora e ilusionante durante as festas.
O rexedor municipal, Horacio Gil Expósito, destacou a consolidación desta proposta no calendario festivo da vila e puxo en valor a implicación veciñal das edicións anteriores: “Chegar á quinta edición deste concurso demostra que a veciñanza de Arbo ten ganas de participar, de facer vila e de compartir o mellor do noso espírito comunitario. Animamos ás familias, ás asociacións e ao noso tecido comercial a deixar voar a súa creatividade para que Arbo luzca máis bonito ca nunca e para que o ambiente nas rúas sirva tamén de impulso para o noso comercio de proximidade”.
A convocatoria ten como finalidade principal fomentar o desenvolvemento comunitario e dinamizar a vida social e económica da vila co obxectivo de dinamizar a participación activa dos/as cidadáns/as de Arbo, colaborar en infundir un ambiente do Nadal decorativo baseado en valores como o traballo en común, a fraternidade ou a cooperación, e contribuír a dispoñer de elementos decorativos que acheguen á localidade unha contorna de Nadal acolledora e ilusionante. Así mesmo, o certame busca dar protagonismo activo aos/as cidadáns/as e colectivos como fonte de desenvolvemento e intervención comunitarias na localidade, fomentar aqueles valores locais que queden expostos nos distintos elementos decorativos do Nadal e apoiar o comercio local.
O concurso estrutúrase en tres modalidades para dar cabida a toda a veciñanza: a Categoría A (Casas e vivendas familiares), dirixida a todas aquelas persoas que realicen a súa montaxe no seu balcón, xanela, porta, fachada de casa ou xardín exterior; a Categoría B (Comercios e empresas), destinada aos comercios ou empresas do Concello de Arbo que decoren os seus establecementos, fachadas, balcóns ou escaparates; e a Categoría C (Premio especial para comunidades de veciños, asociacións, barrios, rúas, parroquias ou prazas), aberta á participación conxunta de asociacións, colectivos e espazos veciñais.
En canto aos requisitos artísticos, a decoración deberá gardar relación coa festividade do Nadal e os seus motivos tradicionais, contando os participantes con plena liberdade en canto a técnica, estilo e materiais, incluíndo o uso de elementos iluminativos. Os participantes cederán o dereito de imaxe da súa decoración ao Concello de Arbo para a súa difusión institucional.
As persoas e entidades interesadas poderán formalizar a súa inscrición desde o 20 de novembro ata o 7 de decembro de 2026 por dúas vías: de xeito presencial ou por correo postal no Rexistro Xeral do Concello de Arbo (Praza Consistorio nº 1, 36430 Arbo, Pontevedra), en sobre pechado indicando na embalaxe “V Concurso de Decoración Navideña Arbo no Nadal”, ou ben por vía telemática enviando a documentación ao correo electrónico oficinas.concellodearbo@gmail.com.
Xunto co formulario de inscrición cumprimentado, deberá presentarse un máximo de tres fotografías da decoración realizada (en formato dixital ou papel) e un vídeo breve do conxunto decorado. “Cada luz e cada adorno que colocamos nas nosas casas ou negocios é un xesto de cariño cara ao noso concello. Agardamos volver ver esa mestura de tradición e creatividade que fai único o Nadal en Arbo”, concluíu o alcalde Horacio Gil Expósito.




