O Conselleiro de Comercio enxalza Xantar como escapara de Galicia Calidade

Salientou os lazos entre Galicia e Portugal e o proxecto Digital_Expo

Ourense | O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe en Ourense na inauguración da 27ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, que se celebra entre hoxe e o 22 de novembro en Expourense. Alí salientou esta cita como aliada para difundir a excelencia da gastronomía galega, dos profesionais que fan que así sexa e da Galicia Calidade. Tamén como un espazo para tecer redes e para as oportunidades de negocio.

De feito, este salón —no que tamén estiveron o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e a directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez — está recoñecido como Feira Comercial Internacional e atrae participantes de toda España, Portugal e Iberoamérica. Precisamente este ano o país convidado é Portugal. Un país, salientou José González, moi unido a Galicia e co que a comunidade colabora en diferentes iniciativas e proxectos.

Neste ámbito destaca o proxecto Digital_Expo, que busca impulsar a modernización e a transformación dixital dos recintos feirais como Expourense —participante nesta iniciativa liderada polo Goberno galego— e centros expositivos de Galicia e do norte de Portugal. Nel tamén participan a Universidade de Vigo e as cámaras municipais de Viana do Castelo, Ponte de Lima e Arcos de Valdevez.

Iniciativas coma esta reflicten a importancia da colaboración institucional para sacar adiante accións que repercutan na dinamización do territorio. Nesta liña, en Xantar presentaranse e degustaranse diferentes produtos de calidade, entre eles os pertencentes a cooperativas e outras entidades da economía social da comunidade, froito dunha cadea de valor da que forman parte agricultores, gandeiros, comerciantes, praceiros, cooperativistas, cociñeiros, emprendedores ou mesmo artesáns. Produtos como os que se poden atopar nas preto de 100 prazas de abastos cos que conta Galicia, sinalou o conselleiro.

Prato de Mercado
Neste ámbito, o conselleiro puxo de relevo a iniciativa Prato de Mercado, que estivo presente hoxe na Praza de Abastos nº 1 de Ourense —á que asistiu conselleiro xunto co director xeral de Comercio e Consumo— e que tamén estará en Xantar. Trátase dunha acción recollida no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 que leva percorrido distintos lugares para visibilizar os mercados como motores da economía local e referentes de produto fresco, de calidade e proximidade.

Alí José González destacou o papel das prazas de abastos como pezas fundamentais da cadea que conecta produtores, comerciantes, hostalaría e consumidores e o labor dos profesionais da cociña. Neste sentido, salientou a aposta pola Rede de Mercados Excelentes —recollida no Plan estratéxico do comercio xunto con outras accións de dinamización do sector— e que pretende recoñecer e acompañar aqueles mercados que avanzan en calidade, innovación, modernización e dinamización.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.