O PP quere “levar un ourensán á Moncloa”

O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, pediu en Baños de Molgas o voto para Núñez Feijóo

Baños de Molgas/PPdeG | O presidente do PP de Ourense, Luis Menor, chamou este xoves en Baños de Molgas a concentrar o voto no Partido Popular para abrir unha nova etapa de goberno en España e levar “a un ourensán á Moncloa”. Nun mitin no Hotel Ansuíña, no que tamén participaron a cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Ana Belén Vázquez, e José González Vázquez, Menor advertiu de que “aquí non hai nada gañado” e instou a defender o proxecto de Alberto Núñez Feijóo “porta a porta, conversa a conversa”.

Menor acusou a Pedro Sánchez de deixar “oito anos de decadencia, de corrupción, de mentiras e de soberbia” e de relegar provincias como Ourense. Tamén cuestionou o balance que o BNG pode presentar ante os galegos tras apoiar a investidura de Sánchez. O presidente provincial pediu concentrar o voto no PP e advertiu de que, ao seu xuízo, a fragmentación do voto de centro e de dereita pode custar escanos decisivos en Ourense.

“Planificar, escoitar e cumprir. Esa é a maneira de traballar que queremos levar a España”, afirmou Menor, que reivindicou a experiencia de Feijóo ao fronte da Xunta para devolver estabilidade ao Goberno, presentar orzamentos cada ano e programar investimentos. O PP sitúa nesa mesma liña a súa proposta de auditar as contas públicas e render contas sobre a execución do gasto. “Os adversarios non son inimigos”, engadiu Menor, ao defender que a firmeza política é compatible co respecto e coa convivencia.

O presidente provincial trasladou tamén o compromiso que lle esixe á candidatura durante toda a lexislatura. “Imos defender Ourense con lealdade, si, pero tamén con esixencia”, afirmou, ao reivindicar servizos públicos accesibles, comunicacións fiables e un financiamento que teña en conta as necesidades do rural. Menor destacou a experiencia parlamentaria de Ana Belén Vázquez, que encabeza a lista ao Congreso xunto a Roberto González, Rosa Quintana e Celso Delgado, e a capacidade de diálogo de Miguel Ángel Santalices, que concorre ao Senado con Rosa Sánchez Gándara e José Antonio Cerdeira. En clave local, recoñeceu o traballo do alcalde, Manuel Fernández, como exemplo da incorporación da mocidade á política municipal.

José González defendeu a necesidade de facer que volva merecer a pena traballar, emprender e arriscar en España acompañando aos emprendedores e aos autónomos, con medidas fiscais que apoien a actividade e deixen de afogalos. “Avogaremos por unha economía social forte e máis competitiva e por unha baixada de impostos. Baixarémoslle o IRPF ás rendas medias e baixas e IVE cero aos alimentos básicos co fin de devolverlle aos traballadores o poder adquisitivo”, asegurou.

A seguridade, lugar destacado no programa do PP
Ana Belén Vázquez abriu a xornada na mesa informativa da rúa do Paseo da cidade, con Rosa Quintana, Celso Delgado e Rosa Sánchez Gándara. A cabeza de lista ao Congreso e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, percorreron despois o centro da cidade, e Vázquez participou nun xantar na zona universitaria antes de intervir en Baños de Molgas.

A seguridade, un dos ámbitos de traballo parlamentario de Vázquez, ocupa un lugar destacado no programa do PP, que propón dotar de máis persoal e medios á Policía Nacional e á Garda Civil e mellorar a capacidade de resposta tamén no rural. En materia ferroviaria, os populares defenden unha revisión técnica independente da rede e un plan de emerxencia para a súa conservación e mantemento.

Cota cero para novos autónomos e incentivos á contratación
Rosa Sánchez Gándara, Celso Delgado, Martín Gil e Ricardo González reuníronse coa Confederación Empresarial de Ourense (CEO) para coñecer as dificultades dos autónomos e das empresas da provincia e presentarlles as propostas do programa de Feijóo. Entre elas figuran a cota cero para os novos autónomos durante o primeiro ano, ampliable ao segundo para quen non alcance o salario mínimo, e a exención de cobrar e declarar o IVE para autónomos cunha facturación inferior a 85.000 euros.

O programa tamén prevé bonificar o 100 % das cotizacións empresariais á Seguridade Social pola contratación do primeiro traballador durante un ano e o 50 % pola do segundo. “As pequenas empresas son fundamentais para a economía ourensá. Necesitan apoio para emprender, medrar e crear emprego”, destacou Sánchez Gándara.

Un pacto pola dependencia con financiamento estable
Os candidatos ao Senado Miguel Ángel Santalices e Rosa Sánchez Gándara visitaron a Asociación de Dano Cerebral Adquirido e AODEMPER para coñecer os seus programas de atención e as necesidades das persoas ás que acompañan. Santalices trasladoulles a proposta dun Pacto de Estado pola Dependencia con financiamento estable, así como medidas para impulsar a asistencia persoal e o emprego inclusivo, apoiar as familias coidadoras e mellorar a coordinación entre os servizos sanitarios e sociais.

“As entidades sociais realizan un labor imprescindible e coñecen mellor ca ninguén as necesidades das persoas ás que acompañan. Temos que escoitalas e garantir que tanto as persoas usuarias como as súas familias conten cos apoios que necesitan”, sinalou Santalices.

Mitin en Seixalbo e encontros nos barrios
Na Asociación de Veciños de Seixalbo, a presidenta da xestora local do PP de Ourense, Ana Méndez Gil, deu a benvida aos asistentes nun mitin no que interviñeron a vicepresidenta provincial, Marta Nóvoa, e os candidatos Roberto González e Rosa Sánchez Gándara. “Necesitamos un Goberno que escoite, que cumpra e que dea resposta aos problemas reais da xente”, afirmou Méndez Gil. Nóvoa defendeu a experiencia de xestión de Feijóo e a proposta popular de presentar orzamentos cada ano para que familias, empresas e concellos saiban con que recursos poden contar.

A candidata ao Senado, Rosa Sánchez Gándara, defendeu que o 29 de novembro España ten a oportunidade de abrir unha nova etapa con Feijóo. Entre as medidas do PP para apoiar os autónomos, os emprendedores e as pequenas empresas, destacou a cota cero á Seguridade Social para os novos autónomos durante o primeiro ano de actividade e a exención de cobrar e declarar o IVE para os que facturen menos de 85.000 euros anuais. “Porque quen emprende, crea emprego e levanta cada día a persiana necesita menos atrancos e máis facilidades”, asegurou.

Pola súa banda, o candidato ao Congreso, Roberto González, defendeu un financiamento xusto, sen privilexios territoriais, que reparta os recursos en función das necesidades da cidadanía e garanta a igualdade de todos os españois. En materia de seguridade, destacou as propostas do PP para combater a multirreincidencia, facilitar o desaloxo en 48 horas de inmobles ocupados ilegalmente e dotar as Forzas e Corpos de Seguridade de máis medios e maior protección xurídica. “O 29 de novembro, Ourense tamén decide o cambio”, concluíu.

A axenda da cidade incluíu tamén unha reunión de Roberto González e Rosa Sánchez Gándara coa UD Ourense no Couto, un encontro de González sobre prevención da delincuencia coa asociación veciñal da Ponte e unha reunión de Santalices sobre cultura no Liceo. Celso Delgado participou na mesa informativa da tarde e percorreu Mende e a zona dos Viños, mentres que Rosa Quintana visitou Os Rosais e Pena Trevinca.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.