O PSdeG-PSOE propón una Conta de Futuro para beneficiar a máis de 50.000 fogares ourensáns

Como medidas de escudo e protección social que reforcen o Estado de Benestar

Ourense/PSdeG-PSOE | A candidata do PSdeG PSOE ao Congreso dos Deputados, Carmen Rodríguez Dacosta, participou nun almorzo informativo no que presentou e abordou as principais propostas socialistas para reforzar o Estado do benestar, avanzar na protección social e garantir dereitos e oportunidades á cidadanía ao longo de todas as etapas da vida.

Un dos asuntos centrais foi o papel do Ingreso Mínimo Vital (IMV). Neste sentido, Dacosta destacou que actualmente, 5.567 fogares ourensáns reciben o Ingreso Mínimo Vital, unha axuda que chega a 14.395 persoas e que representa un investimento anual próximo aos 40 millóns de euros.

Tamén incidiu en que as políticas de protección social deben evitar que unha situación económica difícil se transforme nunha situación de exclusión permanente, garantindo uns ingresos mínimos e facilitando o acceso aos servizos públicos. Outro dos eixes do encontro foi o apoio ás familias e á infancia. Entre as propostas do PSOE destaca a creación dunha prestación estatal por crianza para todos os fogares con menores de idade, cun deseño fiscal redistributivo e progresivo que permita reforzar especialmente a protección das familias con menores ingresos.

A iniciativa pretende apoiar economicamente a crianza e avanzar cara a unha maior igualdade de oportunidades desde as primeiras etapas da vida. Neste mesmo ámbito, o PSOE propón a creación dunha Conta de Futuro, mediante a asignación a cada neno e nena, desde o seu nacemento, dunha conta pública dotada con 1.000 euros e investida en fondos públicos. Estas propostas cobran especial relevancia nunha provincia como Ourense, que afronta importantes desafíos demográficos onde máis de 14.000 poderían benefiarse desta medida, apuntou Carmen Dacosta.

As propostas socialistas ante os retos sociais e demográficos de Ourense
Ao longo do encontro púxose de manifesto a necesidade de que as políticas públicas teñan en conta as características específicas da provincia de Ourense: o envellecemento da poboación, a dispersión territorial, o peso dos municipios rurais e as dificultades de acceso aos servizos e prestacións.

O conxunto das propostas socialistas abordadas no almorzo informativo responde a unha visión das políticas sociais baseada na protección das persoas en todas as etapas da vida: desde a infancia e a crianza ata a vellez. O encontro permitiu compartir reflexións sobre a necesidade de seguir avanzando nun modelo de protección social no que a eficacia das políticas públicas se mida pola súa capacidade para mellorar a vida das persoas, reducir as desigualdades e garantir que ninguén quede atrás. Un compromiso que, no caso de Ourense, debe traducirse en máis oportunidades para as familias, maior protección para as persoas vulnerables e unha atención especial ás necesidades dunha provincia marcada polo envellecemento e a dispersión territorial.

Investimentos en Celanova
O PSdeG-PSOE de Ourense pon en valor o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez con Celanova e co conxunto da provincia a través de investimentos que se traducen en mellores infraestruturas, recuperación de espazos naturais e novas oportunidades para os concellos. Un exemplo claro é a recuperación da senda fluvial do río Sampil, unha actuación impulsada pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que está a transformar este entorno natural e a poñelo ao servizo da cidadanía.

A candidata do PSdeG-PSOE ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, e a candidata ao Senado, María Fernández Ojea, destacan que a primeira fase do proxecto supuxo un investimento de 691.000 euros, permitindo acondicionar un itinerario peonil de 1,32 quilómetros polas dúas marxes do río. A intervención inclúe pasarelas de madeira, pasos sobre o río e plataformas elevadas nos tramos de maior dificultade, así como camiños de terra nos sectores máis accesibles.

As representantes socialistas subliñan que esta actuación é un exemplo de como os investimentos do Goberno de España permiten recuperar o patrimonio natural e etnográfico, mellorar os espazos públicos e facer máis atractivos os concellos do rural. “Celanova merece investimentos, infraestruturas e oportunidades. E iso é precisamente o que está a facer o Goberno de Pedro Sánchez: apostar polos municipios, atender as necesidades da veciñanza e contribuír a que a provincia de Ourense siga avanzando”, afirman.

Dacosta e Fernández salientan que fronte a quen se limita a facer anuncios e promesas, o PSOE pode presentar actuacións concretas e investimentos que xa se están materializando. “A senda do Sampil é unha mostra de que cando hai un Goberno socialista comprometido coa provincia, os recursos chegan aos concellos e convértense en melloras reais para a xente. Non falamos de palabras, falamos de obras, de investimentos e de resultados”.

O proxecto conta cun convenio entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Celanova. Tras a súa modificación en setembro de 2026, o investimento total previsto ascende a 887.178,35 euros, dos que 675.481,03 euros corresponden á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e 211.697,32 euros ao Concello. Esta actualización permite dar continuidade á actuación e ampliar o compromiso co municipio. A segunda fase continúa a súa tramitación e ten como horizonte de execución o 31 de decembro de 2028.

As candidatas socialistas inciden en que este tipo de proxectos demostran que a aposta polo rural debe ir acompañada de feitos: investimentos, colaboración institucional e infraestruturas que melloren a calidade de vida e contribúan a dinamizar os municipios. “Cando o PSOE goberna, Ourense non queda atrás. Celanova avanza, os concellos melloran as súas infraestruturas e a provincia gaña oportunidades. Ese é o modelo que defendemos: unha provincia con futuro, na que todos os municipios conten”.

Por último, Carmen Rodríguez Dacosta e María Fernández Ojea fan un chamamento á mobilización e á concentración do voto no PSdeG-PSOE nas eleccións do vindeiro 29 de novembro. “Está en xogo que Ourense siga contando cun Goberno que inviste, que cumpre e que transforma os compromisos en realidades. O PSOE é a garantía de que a provincia siga avanzando, tamén desde concellos como Celanova”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.