
Ourense/BNG | A cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense, Noa Presas, chamou desde Verín a aproveitar as eleccións do vindeiro 29 de novembro para facer historia coa consecución do primeiro escano nacionalista e poñer fin a case 50 anos de bipartidismo estéril. “Este 29N imos facer historia co primeiro escano do BNG por Ourense” proclamou durante o mitin celebrado na vila, onde reivindicou a necesidade de que Ourense conte cunha voz propia en Madrid, capaz de defender os intereses do territorio.
No encontro coa veciñanza do epicentro da comarca de Monterrei, tamén participaron o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, e os candidatos da comarca, Melanie Arias e Lucas Pardo. Presas iniciou a súa intervención lembrando a historia de Curva España, a coñecida investigación teatral da compañía Chévere arredor da morte do enxeñeiro Fernández España, que en 1927 defendía un trazado ferroviario que pasase por Verín e Xinzo, aproveitando as comunicacións existentes, en lugar de atravesar o Macizo Central: “define á perfección o que fai o centralismo madrileño con este país” sinalou, lembrando que, case un século despois, Verín continúa sen conexión ferroviaria e o sur de Ourense permanece practicamente desconectado.
“Hoxe entre A Gudiña e Ourense hai 31 túneles, 129 quilómetros subterráneos. O tren colleu outro camiño e o sur de Ourense quedou practicamente desconectado” explicou. Para a candidata nacionalista, esta historia evidencia que ·non é mala sorte, son decisións políticas” e serve tamén para lembrar que “esta vez non decide o azar, non decide un despacho en Madrid. Decidimos nós co noso voto”.
“En case 50 anos de eleccións xerais, case 50 anos, a representación de Ourense sempre foi de forzas estatais” apuntou, preguntando como lle foi á Ourense con ese bipartidismo e poñendo como exemplos a situación da A-52, as deficiencias das conexións ferroviarias e o estado dos ríos.
Neste sentido, Presas cuestionou os discursos das forzas estatais que reclaman o voto de Ourense mentres, segundo denunciou, despois das eleccións esquécense dos seus compromisos. “Uns din que agora é a hora de Ourense. Outros din “eu son o voto útil”, pero o día despois das eleccións pasan o túnel do Padornelo e non volven mirar atrás” afirmou.
Fronte a esa dinámica electoralista, Presas reivindicou o traballo realizado polo BNG no Congreso e a súa capacidade para conseguir avances concretos para Galiza. “Eu hoxe podo vir aquí coa cabeza ben alta porque o BNG si cumpriu” asegurou.
“O útil é ir a Madrid para facer valer Galiza e Ourense, non para obedecer” resumiu, defendendo que a alternativa non pasa por escoller entre o “mal maior nin o mal menor”, senón por contar cunha representación que defenda os intereses propios do país e dea cumprimento aos compromisos adquiridos.
Finalmente, Noa Presas asegurou que Ourense ten diante unha oportunidade para abrir unha nova etapa e deixar atrás os estereotipos: “Ourense non é unha caricatura. Ourense non é un espray de pementa: somos outra cousa, somos traballo, somos dignidade” afirmou con contundencia.
A cabeza de lista lembrou que nas últimas eleccións galegas o BNG acadou o seu mellor resultado histórico na provincia, superando as previsións das enquisas, e considerou que existe unha oportunidade para trasladar ese apoio ás eleccións xerais. “Nunca tanta xente quixo escoitar que ten que dicir o BNG” destacou.
“Esta papeleta abre camiños novos” afirmou, sinalando a papeleta do BNG e apelando a todas aquelas persoas que nas últimas eleccións confiaron no proxecto nacionalista a que volvan facelo o 29N. “Se a maioría desas persoas volve coller esta papeleta, o escano está aí, ao alcance da man” concluíu.




