
Ourense/PSdeG-PSOE | O PSdeG-PSOE de Ourense esixe explicacións urxentes á Xunta de Galicia e ao conselleiro de Sanidade despois de coñecerse que unha avaría nas salas brancas do Servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) obrigou a trasladar temporalmente a preparación de medicamentos esenciais, entre eles tratamentos oncolóxicos, ás instalacións do hospital privado Cosaga-Recoletas.
A deputada socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, considera especialmente grave que o hospital público de referencia de toda a provincia teña que recorrer a instalacións privadas para garantir unha actividade tan sensible como a preparación de medicamentos destinados a pacientes con cancro. Un novo episodio que, segundo sinala, evidencia a preocupante situación que atravesa o CHUO tras acumularse nos últimos tempos desprendementos de teitos, avarías e asolagamentos.
“No CHUO xa non chega con que nos caian os teitos enriba, rebenten tubaxes ou se produzan asolagamentos. Agora resulta que temos que acudir á sanidade privada para preparar tratamentos oncolóxicos. Que máis ten que pasar para que a Xunta actúe?”, pregunta Rodríguez Dacosta.
A parlamentaria socialista advirte de que non se pode seguir tratando como incidencias illadas o que considera un problema estrutural de mantemento, conservación e modernización das instalacións hospitalarias. “Estamos ante unha sucesión de problemas que afectan directamente ao funcionamento do noso hospital. Hoxe son as salas brancas da Farmacia Hospitalaria, pero levamos demasiado tempo vendo como se acumulan as deficiencias sen que a Xunta dea unha resposta á altura das necesidades de Ourense”, denuncia.
Desde o PSdeG-PSOE de Ourense amosan tamén a súa preocupación polas advertencias da Comisión de Centro sobre a obsolescencia das instalacións do Servizo de Farmacia, a falta de espazo e a ausencia dunha alternativa dentro da propia rede sanitaria pública para afrontar situacións como esta.
Rodríguez Dacosta considera imprescindible que a Consellería de Sanidade aclare desde cando coñecía as deficiencias destas instalacións, que actuacións de mantemento e modernización tiña previstas e por que non existe unha alternativa pública adecuada para garantir a continuidade deste servizo cando se produce unha avaría.
“Os pacientes oncolóxicos necesitan certezas, seguridade e a garantía de que os seus tratamentos se preparan nas mellores condicións posibles. Non podemos permitir que a falta de previsión e de investimentos acabe condicionando o funcionamento dun servizo tan esencial”, afirma.
A deputada socialista reclama tamén información detallada sobre o alcance da incidencia, os prazos previstos para recuperar a normalidade, as condicións nas que está a desenvolver o seu traballo o persoal sanitario e as garantías de seguridade e continuidade asistencial para todos os pacientes afectados. Así mesmo, o PSdeG-PSOE esixe á Xunta un plan específico de actuación e investimento para renovar e modernizar as instalacións do Servizo de Farmacia Hospitalaria e evitar que se repitan situacións deste tipo.
“Queremos deixar moi claro que a responsabilidade non é dos profesionais, que unha vez máis están facendo un enorme esforzo para manter a atención sanitaria en circunstancias difíciles. A responsabilidade é dunha Xunta que ten a obriga de coidar o seu hospital público, garantir unhas instalacións dignas e dotar os servizos dos medios necesarios”, subliña Rodríguez Dacosta.
A socialista conclúe reclamando un cambio de prioridades por parte do Goberno galego que “Ourense non pode seguir recibindo parches, reparacións de urxencia e solucións provisionais. Merecemos un hospital público moderno, seguro e ben equipado. A Xunta ten que deixar de mirar para outro lado e asumir as súas responsabilidades. Porque cando falamos de tratamentos contra o cancro, non falamos de instalacións nin de obras: falamos da saúde e da vida das persoas. E iso non admite máis escusas nin máis demoras”.




