
Ourense/PPdeG | Os candidatos do Partido Popular ao Congreso dos Deputados por Ourense, Ana Belén Vázquez e Roberto González, denunciaron hoxe a utilización partidista da Subdelegación do Goberno en Ourense, ao asegurar que o contedor instalado polo PSOE en pleno centro da cidade con motivo da campaña electoral recibe subministración eléctrica desde este edificio público.
Os candidatos populares amosaron o cable que conecta a instalación electoral socialista coa Subdelegación do Goberno, unha situación que o Partido Popular puxo esta mesma mañá en coñecemento da Xunta Electoral Central mediante a presentación dunha denuncia.
“Durante estes anos, o Partido Socialista utilizou como se fosen o seu propio cortijo as institucións de todos os españois e hoxe tamén as de todos os ourensáns”, sinalaron os populares.
Vázquez e González cuestionaron que a representación do Goberno de España na provincia permita que unha instalación de propaganda electoral, coa imaxe de Pedro Sánchez, se abasteza de electricidade desde un edificio público.
“A Subdelegación do Goberno permite que este contedor coa cara de Pedro Sánchez estea instalado en pleno centro de Ourense, cunha participación claramente partidista a favor do Partido Socialista”, advertiron.
Ante estes feitos, o Partido Popular trasladou a situación mediante unha denuncia á Xunta Electoral Central para que se pronuncie sobre a utilización de recursos públicos con fins electorais e o cumprimento do deber de neutralidade das institucións durante a campaña.
O obxectivo de Miguel Tellado: tres deputados e tres senadores por Ourense
O secretario xeral do Partido Popular e cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Miguel Tellado, reivindicou hoxe en Ourense os trece anos de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta como “o mellor aval” da súa candidatura á Presidencia do Goberno. Nunha comparecencia ante os medios xunto á cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Ana Belén Vázquez, Tellado fixou o obxectivo do PP na provincia para o 29 de novembro en conseguir tres deputados e tres senadores.

“Ourense é unha provincia especial nestas eleccións porque é a terra do próximo presidente do Goberno e porque nunca lle fallou a Alberto Núñez Feijóo”, afirmou Tellado. O secretario xeral lembrou que o PP superou o 50 % dos votos na provincia nas eleccións xerais de 2023 e chamou a traballar para repetir aquel apoio. “A prudencia aconsella pelexar cada voto e cada escano”, sinalou, antes de advertir de que “non hai que dar nada por gañado”.
Tellado destacou as catro maiorías absolutas consecutivas de Feijóo en Galicia e atribuíu ese respaldo á súa capacidade para “xerar confianza e gobernar para todos”. Na súa intervención, tamén cuestionou o papel do BNG como socio parlamentario de Pedro Sánchez e sostivo que, “cando Sánchez castigaba a Galicia premiando a outras comunidades, o BNG miraba para outro lado”.
Vázquez reclama as infraestruturas pendentes da provincia
Ana Belén Vázquez agradeceu a presenza de Tellado en Ourense e subliñou a responsabilidade que asume a candidatura provincial ante o feito de que Feijóo sexa ourensán. “Queremos darlle a Alberto Núñez Feijóo o mellor resultado de España”, afirmou.
A candidata repasou as infraestruturas que considera prioritarias para Ourense e que seguen pendentes, entre elas as autovías cara a Lugo e Ponferrada, a estación intermodal, a finalización da EDAR e a terminal ferroviaria de mercadorías de San Cibrao das Viñas. Vázquez defendeu que Feijóo coñece as necesidades da provincia e lembrou os compromisos que adquiriu con Ourense durante a súa etapa como presidente da Xunta.
Vázquez tamén pediu o cesamento do subdelegado do Goberno en Ourense por considerar que faltou ao deber de neutralidade. A candidata lembrou que o PP presentou o martes unha denuncia ante a Xunta Electoral pola presunta conexión dunha instalación de campaña do PSOE á subministración eléctrica da Subdelegación do Goberno.
O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, reclamou esta tarde na Rúa avances na autovía A-76 e melloras na N-120, e chamou a concentrar o voto no PP o próximo 29 de novembro para levar a Alberto Núñez Feijóo á Moncloa. Menor compartiu o mitin coa cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Ana Belén Vázquez, e co director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Merelles.
Luís Menor pide avances na A-76 durante mítin na Rúa
Menor reprochou ao Goberno de Pedro Sánchez a falta de avances na autovía entre Ponferrada e Ourense e cuestionou o mantemento da N-120. “Cantos quilómetros da autovía A-76 fixeron? Non licitaron nin un só metro, condenando a esta comarca a unhas comunicacións indignas para o seu peso económico e para a veciñanza”, afirmou.
O presidente provincial asegurou que o PP de Ourense seguirá defendendo as demandas da provincia se Feijóo chega á presidencia do Goberno. “A ninguén lle imos deixar a bandeira da reivindicación. Con Feijóo na Moncloa seguirá sendo así. Imos defender Ourense con lealdade, si, pero tamén con esixencia”, sinalou. Menor advertiu de que “aquí non hai nada gañado” e pediu á militancia da Rúa que se implique na mobilización de cara ao 29N. “Ourense nunca lle fallou a Feijóo. E agora tampouco lle vai fallar”, engadiu.
Ana Belén Vázquez levará ao Congreso as demandas de Ourense
A cabeza de lista do PP de Ourense ao Congreso, Ana Belén Vázquez, participou no mitin da Rúa, onde o PP situou a mellora das comunicacións, o reforzo dos servizos públicos e un financiamento que teña en conta as necesidades do rural entre as prioridades da candidatura para a próxima lexislatura. E enmarcou estas reivindicacións “no compromiso de situar a vivenda, o emprego, os servizos públicos e as infraestruturas no centro da acción do Goberno”.
Pola súa banda, Xosé Merelles defendeu a escoita á cidadanía e a cooperación entre administracións. Salientou a boa sintonía entre a Xunta e a Deputación de Ourense e lembrou que o Goberno galego investiu máis de tres millóns de euros en turismo en Valdeorras nun ano. Segundo apuntou, Valdeorras foi a comarca que máis medrou turisticamente o pasado verán. Merelles defendeu que un Goberno do PP en Madrid permitiría estender esa colaboración á Administración do Estado.
Termalismo en Outariz e propostas de emprego e retorno no Couto
Na cidade de Ourense, os candidatos ao Congreso, Ana Belén Vázquez e Roberto González, e a candidata ao Senado, Rosa Sánchez Gándara, reuníronse con expertos do sector termal en Outariz. Ambos trasladaron o compromiso de Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia e candidato ao Senado, de impulsar desde a Cámara Alta a incorporación do termalismo á carteira común de servizos do Sistema Nacional de Saúde.
“Queremos que o termalismo sexa recoñecido polo seu valor sanitario e que os seus beneficios poidan chegar a máis persoas”, sinalaron os candidatos. González e Sánchez Gándara destacaron tamén a capacidade das termas para atraer visitantes, dinamizar a hostalaría e o comercio local e xerar emprego.
O PP garante o mantemento e aumento real das pensións
Nunha reunión coa Asociación de Viúvas María Andrea, o cabeza de lista dos populares ao Senado, Miguel Santalices, garantiu que o Goberno liderado por Alberto Núñez Feijóo “incrementará as pensións acorde ao IPC real, acordeo ao custe real da vida”, reiterando a necesidade de “non facer caso dos bulos e noticias malintencionadas que pretenden meter medo ás persoas pensionistas”.
Acompañamento ás persoas migrantes
No Couto, o secretario xeral da Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda, e Rosa Sánchez Gándara participaron nun encontro na asociación veciñal do barrio centrado no emprego, na integración social e laboral e no emprendemento. Entre as propostas abordadas figuraron a formación en competencias dixitais e intelixencia artificial, o acompañamento ás persoas que chegan a Galicia e as medidas para facilitar o retorno e a incorporación laboral dos galegos do exterior.
No ámbito do emprendemento, o PP expuxo a súa proposta de suprimir a cota de autónomos durante o primeiro ano de actividade e ampliar a medida ao segundo para quen non alcance o salario mínimo. Tamén se abordaron a simplificación dos trámites e as bonificacións para facilitar as primeiras contratacións nos pequenos negocios.




