Tui e O Porriño presentan a súa programación para o 25N

Co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller

Tui | “Sé parte da solución” é o lema da programación organizada polo Concello de Tui co gallo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. A campaña incorpora unha mensaxe directa de respecto, responsabilidade e compromiso, e pon especial atención nas novas formas de violencia que afectan ás mulleres e ás nenas, especialmente no ámbito dixital, pero tamén na explotación sexual e na submisión química.

O cartel oficial, obra da artista Paula Mayor, está dirixido especialmente á adolescencia e utiliza unha linguaxe visual próxima á mocidade para visibilizar diferentes manifestacións da violencia machista. A imaxe representa tres mozos e mozas que sosteñen teléfonos móbiles nos que aparece unha mensaxe inequívoca: “NON”. Arredor deles aparecen símbolos e referencias á violencia dixital, á explotación sexual e á submisión química.

A campaña, que se desenvolverá do 23 de novembro ao 3 de decembro, pretende chamar a atención sobre realidades que non sempre se identifican como violencia, promover a capacidade para recoñecelas e transmitir unha mensaxe fundamental: a prevención e a erradicación das violencias machistas son unha responsabilidade colectiva.

A programación prevista ábrese coas xornadas “A violencia que se esconde tras a pantalla. Violencias machistas na era dixital: redes sociais, intelixencia artificial e novas formas de violencia contra as mulleres e as nenas”. Celebraranse o próximo luns 23 e martes 24 de 18 a 20 h na Sala Félix Rodríguez, no edificio Francisco Sánchez, con entrada libre até completar o aforo.

O mércores 25 de novembro, ás 19 h, no edificio municipal da Praza da Inmaculada. celebrarase o acto institucional do 25N. Incluirá a lectura do manifesto e a proposta artística “Corazón” de Iria Sobrado, acompañada musicalmente por alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui, que achegará unha mirada escénica á forza, á resistencia e á capacidade das mulleres fronte ás violencias machistas. O acto pecharase coa actuación de Sheila Patricia, nunha convocatoria que combina reivindicación institucional, expresión artística e cultura para visibilizar o compromiso colectivo coa erradicación das violencias contra as mulleres.

A programación continuará os días 26 e 27 de novembro, ás 19.00 horas, no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, con dúas propostas. O xoves 26, en colaboración, co Cineclub Tui proxectarase a película “La buena hija” dirixida por Júlia de Paz Solvas, e o venres Comediantes Denigrantes representarán “O que calamos”.

Para público familar o luns 30 Marisa Irimia presentará na Sala Municipal de Exposicións o obradoiro infantil “Nin máis nin menos”. O martes 1 de decembro celebrarase no IES San Paio unha charla formativa “Sementes de cambio. Erradicando a violencia sexual” financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade. A programación do 25N pecharase o xoves 3 de decembro no club de lectura feminista “Tempo de mulleres” coa presentación do libro Fillas de Eva de Xulia María Barros.

A programación do 25N forma parte dunha estratexia municipal máis ampla que pretende estender a educación en igualdade e a prevención das violencias machistas ao conxunto da sociedade e aos diferentes ámbitos da vida cotiá. Nese ámbito no marco do Plan Corresponsables, estase a realizar programa de formación en todos os centros educativos de Educación Primaria e Secundaria do municipio. Desenvolverase unha campaña de alto impacto sobre corresponsabilidade e está a piques de culminar a elaboración do primeiro Plan de Igualdade do persoal municipal.

Con esta programación, o Concello de Tui reafirma o seu compromiso cunha política de igualdade que non se limite á conmemoración do 25 de novembro, senón que se traduza en formación, prevención, sensibilización e actuacións concretas ao longo de todo o ano. A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, conclúe sinalando que “as violencias machistas non desaparecen só con condenalas. É necesario identificalas, educar para non reproducilas, responsabilizarnos colectivamente e actuar fronte a elas”.

No Porriño, “Nin medo nin silencio: Liberdade”
O Concello do Porriño presenta máis dun mes de programación entorno o 25N, o día internacional da eliminación da violencia contra a muller, baixo o lema, “nin medo nin silencio: Liberdade”. A través da Concellería de Igualdade do Concello do Porriño desenvolverase esta actividade por medio da cal a mocidade participante lembrará ás 45 mulleres asesinadas no que vai de ano.

A iniciativa, que busca concienciar ás xeracións máis novas a través do respecto e a igualdade, contará coa implicación directa dos estudantes. Trátase dunha actividade que ten coma obxectivo principal dar visibilidade á ausencia de cada unha delas e alzar á voz contra os crimes machistas rompendo o silencio para reinvindicar a súa memoria.

Durante a posta en escea, colocaranse 45 cadeiras baleiras en semicírculo para lembrar ás mulleres asesinadas. O alumnado participante terá un papel protagonista no desenvolvemento desta acción, mediante a lectura de frases na súa homenaxe e mediante a colocación de flores ou lazos nas cadeiras e acompañamento musical, culminando o acto coa lectura dun manifesto conxunto que transformará a ausencia en presenza e a dor nunha ferramenta de defensa , demostrando o rexeitamento absoluto ante calquera tipo de violencia machista.

En torno ao 25 N desenvolverase unha xornada informativa: “Atención e Protección. O sistema VioXén, dende a denuncia ata a baixa da vítima no sistema” ,dirixida á toda a cidadanía, .O obxectivo deste encontro é que calquera veciño ou veciña coñeza de preto as ferramentas de axuda e os recursos reais cos que contamos no noso municipio. Explicarase de forma sinxela e clara que pasa cando se dá o paso de denunciar e que protección recibe a vítima en cada momento. Diferentes relatores e expertos sumaranse á xornada para analizar a materia desde as súas distintas áreas de traballo e experiencia.

O acto central terá lugar o propio día 25 cun acto no que os protagonistas serán os centros educativos do concello do Porriño. Trátase do acto simbólico “cadeiras vacías, voces presentes”. Un acto protagonizado por alumnos e alumnas de 4º da ESO que xa están traballando nas aulas para concienciar á mocidade sobre a importancia do respecto e da non violencia.

Durante a posta en escena, instalaranse 45 cadeiras baleiras en semicírculo para lembrar ás vítimas. Unhas cadeiras que simbolizan a súa ausencia, nun circulo que debera ser un espazo de protección de coidado. Os estudantes terán un papel protagonista no desenvolvemento desta acción, na que se lerán frases de homenaxe, depositaranse símbolos de memoria como flores e pañuelos, e culminará coa lectura dun manifesto conxunto que transforma a ausencia en presenza e o dolor nunha ferramenta de defensa.

As xornadas: Atención, protección e prevención nas aulas
A programación arredor do 25N no Porriño tamén abrangue o eido formativo e preventivo a través de diferentes iniciativas. Nas propias aulas desenvoleranse tamén obradoiros educativos “Matroensino”. Desenvolvidos por matronas especializadas, estes obradoiros achegan aos centros educativos contidos adaptados á idade do alumnado sobre educación afectivo-sexual, consentimento, autoestima, prevención de condutas de control e uso responsable das redes sociais.

Ademáis celebrarase a xornada sobre “Atención e Protección”, un encontro dirixido a todo o público interesado para afondar no sistema VioGén (dende a denuncia ata a baixa no sistema), na prevención e intervención psicolóxica a través dos programas da Xunta de Galicia en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), e no impacto da dobre vulnerabilidade nas mulleres.

En paralelo o Concello organiza un ano máis cursos de defensa persoal dirixido ao alumnado de 1º de bachiller nos IES do Concello.
Dende o concello invitan a cidadanía a participar e lembran a importancia desta data para poder visibilizar, frear e evitar unha violencia de centos de mulleres sofren durante todo o ano.

Dende o concello invítase á cidadanía a participar e lembrar a importancia desta data para poder visibilizar, frear e evitar unha violencia que centos de mulleres sofren a diario. Durante a presentación tanto o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, como a concelleira de Igualdade, Carolina Gonzalez, reforzaron a importancia desta cita.

“O Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa loita contra a violencia machista traballando na súa prevención e erradicación” e non toleramos ningún tipo de violencia sinalou o rexedor, que animou á cidadanía a informar e denunciar calquera situación que está a pór en perigo a vida ou integridade dunha muller.. “queremos lembrar que hai recursos a disposición de todos e todas .Neste senso a Carolina González pon o foco no espectro invisible do maltrato: “ O concepto violencia é moi amplo e vai máis aló da agresión física, abarcando tamén a violencia psicolóxica, a verbal, a económica e a institucional.

No que vai de ano, 45 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas e exparellas, 1.385 dende que hai rexistros, dende o ano 2003.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.