
Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense pon en valor o investimento de máis de 39,5 millóns de euros do Goberno de España para completar o saneamento do río Barbaña e modernizar a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de San Cibrao das Viñas, unha das actuacións ambientais máis importantes dos últimos anos na provincia e unha mostra máis do compromiso dos gobernos socialistas coa cidade de Ourense e co conxunto do territorio provincial.
A candidata socialista ao Senado, María Fernández Ojea, destaca que “estamos ante un investimento histórico que demostra que, cando hai un Goberno socialista comprometido con Ourense, os grandes proxectos deixan de ser promesas para converterse en realidade”. Neste senso tamén apunta que o PSOE “cre na nosa cidade, cre na nosa provincia e demóstrao con feitos, con recursos e con investimentos que melloran a vida da xente”.
Fernández Ojea subliña que “durante demasiado tempo, o saneamento do Barbaña foi unha reivindicación histórica que precisaba dunha resposta á altura” e fai fincapé en que “hoxe esa resposta está en marcha grazas ao Goberno de España”. Asemade pon de manifesto que “non falamos de anuncios nin de compromisos sobre o papel, falamos de máis de 39,5 millóns de euros e dunhas obras que xa comezaron. Esa é a diferenza entre un Goberno que aposta por Ourense e quen só se lembra da provincia cando hai eleccións”.
O proxecto, impulsado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, contempla unha intervención integral que vai moito máis alá dunha simple mellora da depuradora. Entre as actuacións previstas figura a substitución de 2.469 metros de colectores e 8.153 metros de canalizacións, a construción de 1.721 metros de colector de fecais e a instalación de 6.798 metros de novos colectores para completar a separación das redes de augas pluviais e residuais.
Pola súa banda, o candidato ao Congreso dos Deputados, Brian Diz González, pon o foco na dimensión e no impacto desta actuación e afirma que “estamos falando dunha transformación fundamental para Ourense, porque investir no saneamento significa protexer o medio ambiente, coidar a saúde pública e mellorar a calidade de vida da veciñanza. O Barbaña necesita solucións definitivas e o Goberno socialista está a poñer os recursos necesarios para facelas realidade”.
O representante socialista tamén destaca que “este proxecto terá un impacto directo na actividade económica e industrial da provincia. A modernización da depuradora permitirá atender as necesidades de San Cibrao das Viñas e dos polígonos industriais de San Cibrao e Barreiros, ofrecendo unhas infraestruturas máis modernas, eficientes e preparadas para o futuro. O PSOE entende que defender Ourense tamén significa investir nas infraestruturas que necesitan as súas empresas e os seus traballadores”.
A segunda gran liña de intervención será a ampliación e modernización da EDAR de San Cibrao das Viñas, que incrementará a súa capacidade de depuración ata os 22.140 metros cúbicos diarios, cunha capacidade de tratamento equivalente a unha poboación de 77.490 habitantes. A actuación ten un prazo de execución previsto de 30 meses e conta, ademais, cunha axuda estimada de fondos europeos FEDER de 23,7 millóns de euros, equivalente ao 60 % do custo subvencionable.
Desde o PSdeG-PSOE subliñan que este investimento é tamén unha demostración da diferenza entre os discursos e os feitos. O PSOE non só fala de defender Ourense: inviste, executa e transforma a provincia, dando resposta a reivindicacións históricas que durante anos agardaron por unha solución.




