
Ourense | A Axencia Galega de Infraestruturas realiza traballos na travesía urbana da avenida de Zamora. O delegado da Xunta, Manuel Pardo, achegouse a este punto para comprobar os traballos que se están a desenvolver nesta travesía de titularidade autonómica.
O delegado explicou que nesta avenida mellorarase a accesibilidade colocando baldosas podotáctiles nos pasos de peóns, realizando operacións puntuais substituíndo plaquetas soltas ou rotas e bordos deteriorados. Así mesmo, ampliarase a beirarrúa no entorno dos pasos peonís que proceda para ampliar a visibilidade do paso, e realizarase unha nova beirarrúa na marxe dereita entre a rúa Marie Curie e o paso peonil anterior a praza Santo Cristo.
Manuel Pardo informou que as actuacións que se levaran a cabo con respecto ao firme, consistirán nun fresado puntual e a súa reposición nas zonas máis deterioradas, para logo estender unha nova capa de rodadura cunha mestura bituminosa en quente en toda a rúa. Tamén engadiu, que posteriormente executarase as labores de pintado da sinalización horizontal.
Durante a visita, o representante do Goberno galego remarcou a importancia das redes viarias autonómicas para acadar a vertebración territorial, de modo complementario coa rede estatal. Neste sentido, sinalou que o Goberno galego segue traballando para aumentar e mellorar esta rede, asegurando unha axeitada conservación e preparándoa para eventos climáticos extremos.
Para concluír, lembrou que esta intervención está enmarcada no proxecto da Consellería Vivenda e Planificación de Infraestruturas para a mellora de 13 travesías urbanas de titularidade autonómica, nas que están incluídas as rúas Río Arnoia, Progreso, Emilia Pardo Bazán, parte da rúa Velázquez, Bispo Lourenzo, Coruña, Peña Trevinca (na parte de titularide autonómica), Seminario, Sáenz Díez, avenida Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela e Pena do Vado, avenida de Ponferrada e Avenida de Zamora.




