
Ourense | O delegado da Xunta de Galicia, Manuel Pardo, acompañado da alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, reafirmou hoxe a aposta do Goberno autonómico pola prevención de incendios forestais. Fíxoo durante a entrega de material a varias asociacións veciñais de Bande, coa finalidade de fomentar a participación cidadá nas tarefas de xestión da biomasa e así anticiparse aos lumes.
Na visita, Manuel Pardo enmarcou esta entrega dentro do convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias que a Consellería do Medio Rural asinou coa empresa pública Seaga, a través do cal se lles presta apoio a administracións locais e propietarios para cumprir coas súas obrigas. O representante do Goberno galego lembrou que a limpeza das faixas secundarias é responsabilidade dos particulares e, se estes non cumpren coas súas obrigas, a tarefa debe ser asumida polos concellos de xeito subsidiario, tal e como establece a Lei de incendios. Neste contexto, e co obxectivo de prestar apoio tanto a propietarios como ás administracións locais, a Xunta puxo en marcha este convenio con Seaga, ao que están adheridos 91 concellos ourensás.
Actuacións a desenvolver das asociacións veciñais no concello
O delegado da Xunta detallou que os traballos que levarán a cabo estes colectivos no municipio, entre outros, consistirán na limpeza e acondicionamento de camiños públicos e accesos ás parcelas e vivendas do núcleo rural; na eliminación de matogueiras, maleza e biomasa forestal no entorno das vivendas, pistas forestais e zonas de especial risco de incendio; na rexeneración e mantemento de espazos verdes en zonas forestais e áreas degradadas, favorecendo a conservación ambiental e a prevención de incendios; e na roza e limpeza de zonas públicas e zonas comúns próximas ao núcleo de poboación, contribuíndo á seguridade veciñal e á mellora da contorna.




