
Ourense | O grupo municipal do PSdeG presentou 11 alegacións ao Plan de Emerxencias Municipal (PEMU) co obxectivo de reforzar a prevención, mellorar a coordinación dos servizos municipais e garantir unha resposta eficaz ante situacións de risco.
A candidata socialista á Alcaldía, Natalia González, lembrou que en 2025 o seu grupo impulsou unha moción, aprobada polo Pleno, para reclamar a elaboración deste Plan. “Daquela reclamamos que Ourense contase cun Plan de Emerxencias. Agora seguimos traballando en positivo, estudando o documento e achegando propostas naqueles eidos nos que admite mellora”, sinalou.
Entre ditas alegacións figura a necesidade de actualizar o PEMU á normativa de 2026. Incorporar as novas directrices estatais de Protección Civil sobre fenómenos meteorolóxicos adversos, incendios forestais, inundacións e transporte de mercadorías perigosas. Así como que se cree un protocolo municipal ante vagas de calor. Establecer medidas concretas de protección, puntos de hidratación e unha Rede Municipal de Refuxios Climáticos con instalacións, horarios e responsables definidos.
Entenden, ademais, as socialistas que sería interesante protexer especialmente ás persoas vulnerables, desenvolver protocolos de atención para persoas maiores que viven soas, persoas con discapacidade ou dependencia, persoas sen fogar e outros colectivos con dificultades para afrontar unha emerxencia. E, dado os acontecementos recentes no noso país provocados por fenómenos meteorolóxicos, deberíase garantir alertas accesibles para toda a cidadanía e mellorar os sistemas de aviso mediante diferentes canles e mensaxes claras e adaptadas ás persoas con dificultades auditivas, visuais ou cognitivas.
Tamén cómpre para as edís do PSdeG planificar a evacuación nas zonas con risco de incendio forestal, identificando previamente as vías de saída, rutas alternativas, puntos seguros e dificultades de acceso dos equipos de emerxencia nos núcleos máis expostos. Ou a posibilidade de crear un mapa dixital público de riscos e recursos, facilitar á veciñanza información accesible sobre riscos, centros de acollida, puntos seguros e recomendacións de autoprotección, sen comprometer información sensible.
Nesta liña, proponen como fundamental que se garanta o funcionamento dos servizos municipais durante unha emerxencia, prevendo sistemas de respaldo ante cortes eléctricos, fallos nas telecomunicacións, interrupcións de servizos esenciais ou incidentes dixitais graves. Así como reforzar a seguridade dos grandes eventos e establecer procedementos para revisar os riscos cando cambien as condicións meteorolóxicas, os accesos, o aforo ou outras circunstancias relevantes antes dunha celebración.
As alegacións céntranse, sobre todo, no factor humano para esixir que se prepare unha rede municipal de centros de acollida, se verifique previamente a capacidade, accesibilidade, equipamento e condicións de apertura dos pavillóns e demais instalacións destinadas a acoller persoas afectadas. E reclama avaliar anualmente a aplicación do PEMU cunha memoria de seguimento que recolla simulacros, formación, incidencias, deficiencias detectadas e melloras realizadas, cunha versión pública dos resultados non sensibles.
“Non podemos empezar a decidir por onde evacuar un núcleo cando o incendio xa está chegando, nin descubrir durante unha emerxencia que un centro de acollida non está preparado. A prevención consiste precisamente en anticiparse”, explicou a candidata á Alcaldía e tamén secretaria xeral do PSdeG na cidade.
“Un Plan de Emerxencias non pode quedar nun documento. Ten que traducirse en medidas concretas, persoal formado, servizos preparados e recursos para protexer á veciñanza. Seguiremos traballando en positivo, con propostas e solucións para Ourense. Porque o importante non é só ter un Plan de Emerxencias, senón conseguir que funcione cando a cidade o necesite”, concluíu.




