Ángel Serafín Porto Ucha | Arredor de 2009, coincidimos con Xosé Manuel Beiras, Herminio Barreiro e outras autoridades académicas e institucionais (Lorenzo Fernández Prieto, Laura Piñón, Conselleira de Educación e O.U., Lois Ferradas Blanco -Decano da Facultade-, Antón Costa…) na presentación do libro de Mª Antonia Iglesias, Maestros de la República, na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. A investigación da periodista e escritora galega estaba tendo unha magnífica acollida. O salón de actos do campus sur estaba petado de xente.
Xa, dous ou tres anos antes, grazas a Guillermo Rodríguez, director de Novas do Eixo Atlántico, de Foro da Peneira e demais, con quen Beiras coincidira nun acto por Mondariz, tivemos a honra de que Xosé Manuel Beiras fixera o Limiar do libro Mestras e mestres pontevedreses depurados polo franquismo (Porto Ucha, Alén Miño, 2008), que o inesquecido profesor cualificaba como “un exercicio combinado da razón e a sensibilidade a prol da recuperación da nosa memoria colectiva, para crebar o silenzo e restablecer a verdade histórica encol dunha das facianas máis soturnas e atroces da traxedia provocada pola sublevación militar fascista contra a IIª República española en xullo de 1936 (…) da vesánica represión desencadeada polos sublevados contras os mestres republicáns”.
Cando Anxo recibiu o agasallo pensou que aquel fermoso limiar tiña moitísimo máis valor que todo o realizado sobre a represión dos mestres republicanos na provincia de Pontevedra. Confirmábao o feito de que pouco despois no mesmo ano, houbo que facer unha segunda edición. Posteriormente virían outras achegas sobre a represión e depuración dos mestres e mestras, a meirande parte delas en colaboración con María Raquel Vázquez Ramil, hoxe profesora titular de Didáctica das Ciencias Sociais na Universidade de Valladolid, campus de Palencia e antes en Soria. Por aquelas lonxanas terras de Castela deron cos ósos moitos dos mestres sancionados con traslado fóra da rexión, dos comprometidos coa lingua galega.
Pero sempre soubemos que todo aquilo tiña moito que ver co apoio inicial de Beiras, cheo de lucidez e desprendemento. Ata sempre, benquerido profesor.
Anxo Serafín Porto Ucha
Profesor Emérito Ad Honorem. USC
Raquel Vázquez Ramil
Profesora Titular da UVa




