“Ferrol é unha excepción no Estado como Lugar de Memoria Democrática”

Xosé Manuel Suárez Martínez | Historiador e un dos impulsores de Ferrol como Lugar de Memoria Democrática

Xosé Manuel Suárez Martínez (Cedeira, 1958) é Doutor en Xeografía e Historia pola UNED, coñecido pola súa extensa investigación sobre a memoria histórica, a Segunda República e a Guerra Civil en Ferrol e na súa comarca. En 2025 participou xunto con outros investigadores na elaboración dos informes técnicos e solicitudes para que Ferrol sexa oficialmente recoñecida como Lugar de Memoria Democrática, a primeira cidade en Galicia con esta distinción.

Que significado ten que Ferrol sexa a primeira cidade en Galicia distinguida como Memoria Democrática?
En primeiro lugar o recoñecemento a máis dun século de historia na vangarda da loita, do empeño, en Galicia, de varias xeracións por conseguir unha sociedade democrática con dereitos individuais e sociais.

Ferrol, a sociedade ferrolá, composta na maior parte por asalariados e por militares de extracción popular, tivo eses obxectivos desde, cando menos, outubro de 1872, cando se proclama a República Federal Democrática, antecedendo cento vinte días o establecemento da I República en España. Esta loita continuou na II República, na posguerra, coa actividade guerrilleira e facendo as primeiras folgas contra o réxime en todo o Estado (folga do aceite, 1946), e no “tardofranquismo” coas protestas laborais de 1972, chegando ao asasinato de Moncho Reboiras en agosto de 1975.

Como ten sido a receptividade política, social e institucional ante este labor pola recuperación da memoria?
A proposta de Ferrol como Lugar de Memoria Democrática foi unha iniciativa de varias asociación culturais, unha iniciativa popular, pero apoiada por todos os grupos políticos representados no Concello. Xa coa inauguración o 24 de febreiro de 2024 do Memorial de Vítimas do Franquismo existía un consenso político a nivel local de que a historia de Ferrol é a que é, que non cabe outra interpretación dos feitos, que merece ser difundida e da que todos e todas teñen que sentirse orgullosos de herdar.

“A proposta de Ferrol como Lugar de Memoria Democrática foi unha iniciativa popular apoiada por todos os grupos políticos representados no Concello”

Qué libros, tanto da súa propia autoría ou non, destacaría como relevantes na investigación sobre a Memoria Democrática en Ferrol?
Por fortuna temos un amplo grupo de autores na nosa cidade. Son moitos os traballos publicados da historia contemporánea do contorno. Citaría os dos historiadores Bernardo Máiz, cun libro sobre Amada García e un estudo dos sumarios da represión na guerra e na posguerra; Eliseo Fernández, con traballos sobre o movemento obreiro anarquista; Guillermo Llorca, que coordinou a colección dunha memoria histórica dos barrios de Ferrol e é autor de biografías de destacados ferroláns; Enrique Barrera que se centrou no sindicalismo dos setenta, e entre os meus destaco un: “Guerra Civil e represión en Ferrol e comarca” (2002), porque recollía a tese doutoral de 2000 sobre ese tema con algo máis de setecentas vítimas de fusilamentos e paseos e que abriu camiños que seguir na investigación.

Que lugares e personaxes de Ferrol e da súa comarca destacaría como emblemáticos e que deben ser honrados na memoria?
O Instituto de Canido e a igrexa de San Rosendo ocupan terras do cemiterio municipal, desaparecido en 1965, con varias fosas comúns que no seu día acolleron sobre trescentas vítimas da represión. O castelo de San Felipe, en 1872 acolleu presos republicanos federais e un cento de detidos pola folga revolucionaria en outubro de 1934, foi lugar de execucións ata 1942 o cemiterio de San Salvador de Serantes, con execucións extraxudiciais colectivas, conserva hoxe fosas comúns cos restos de 190 vítimas. O Arsenal Militar escenario da resistencia ao golpe concentrada no acoirazado “España” e no cruceiro “Almirante Cervera”. O Cantón de Molins viu a defensa do edificio consistorial en xullo de 1936 fronte aos sublevados, acolle monumentos de ferroláns destacados: Pablo Iglesias, Xaime Quintanilla, Camilo Díaz e José Couso.

O Centro Obreiro de Cultura e Beneficencia, coa maior biblioteca de Galicia, con máis de dez mil volumes, unha parte queimada por falanxistas. Entre os centros de detención a prisión do partido xudicial, hoxe comisaría, xa recibiu un centenar de detidos en outubro de 1934 e en xullo do 1936 mantivo presos políticos; en decembro de 1947 ve a execución de Segundo Vilaboy, obreiro de BAZÁN, guerrilleiro do PCE, e a Prisión Naval Militar de Caranza, onde nos sesenta e setenta foron ingresados sindicalistas antifranquistas condenados por propaganda subversiva ou asociación ilegal, e a comisaría de policía de San Amaro, centro de detención e torturas no franquismo agonizante.

Como casas natais mencionamos a da feminista Concepción Arenal e a de Carvalho Calero, e tamén hai que sinalar os arquivos con moita documentación de sumarios de consellos de guerra e rexistros de presos no Arquivo Naval e no Militar Intermedio. Como personaxes, ademais dos xa mencionados, en cen anos de historia vemos unha sucesión dos que representan republicanismo, democracia, galeguismo e feminismo en figuras que van desde Francisco Suárez, Concepción Arenal, Pablo Iglesias, José López Bouza, ata sindicalistas dos anos setenta que deron o mellor da súa vida, homes e mulleres, pola liberdade, pero que foron o que foron por ter detrás unha colectividade forte e decidida no avance social, esta sociedade ten como lembranza colectiva dous monumentos en Ferrol: o do 10 de Marzo de 1972 e o Memorial de Vítimas do Franquismo en Canido con novecentos nomes.

Qué outra cidade galega considera debería ser igualmente recoñecida como Memoria Democrática?
Evidentemente, varias teñen historia abondo para ser recoñecidas con ese nivel, aínda que parece que optouse nelas por distinguir lugares concretos de memoria. Ferrol é unha excepción no Estado nesta consideración, xa que presentamos unha síntese diacrónica, unha sucesión de feitos ao longo dun tempo, mentres os lugares recollidos no inventario estatal refírense a un sitio ou localidade e a uns feitos concretos nun momento dado.

“Na comarca de Ferrol podemos dicir que uns partidos que non apoiaron a lei de memoria democrática están agora colaborando na súa aplicación”

O clima político e electoral actual observa o ascenso de actores reacios ou contrarios a asumir compromisos coa Memoria Democrática. En qué medida cre que esta situación afectará na debida investigación histórica?
Sen un consenso previo de afastar a historia do debate ideolóxico, ou se algún partido pretende utilizar a historia para difundir a súa ideoloxía, está obstaculizando que a sociedade en conxunto teña un coñecemento do seu pasado e isto pode dificultar ou impedir levar a cabo as tarefas que nos quedan de investigación e de difusión deste coñecemento. Na comarca de Ferrol podemos dicir que uns partidos que non apoiaron a lei de memoria democrática 20/2022 están colaborando na súa aplicación, por convencemento de estar no lado correcto da historia.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina. Redactor Xefe de "Foro A Peneira" e "Novas do Eixo Atlántico".

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.