
“A pesar da recomendación desfavorable de ICOMOS, a resolución da 48ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO (Busan, xullo/2026), outorgou unha marxe técnica para reformular o expediente de postulación, abrindo unha fiestra de oportunidade para o horizonte de 2027”.
A excelencia documental para reverter as obxeccións internacionais á candidatura “Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga” a Patrimonio Mundial, radica en constatar que non é un ecosistema pristino alterado, senón unha paisaxe cultural evolutiva onde a tecnificación da auga é consubstancial á súa historia. Para iso, é preciso ter en conta e profundar nos aspectos que enumero a modo de síntese a continuación:
1) Arqueoloxía e enxeñería hidráulica da antigüidade: é necesario documentar a escala da intervención romana na conca. A infraestrutura do Túnel de Montefurado, deseñada para desviar a canle do Sil e explotar a minería aurífera, demostra que a alteración da dinámica sedimentaria e xeomorfológica do río comezou hai dous milenios. As redes de escorrentía artificial e as balsas de captación en cotas altas evidencian unha xestión hidráulica intensiva previa á era moderna.
2) O metabolismo circular da Idade Media: a colonización monástica (Cluny e o Císter), transformou a conca mediante unha microxestión hidrolóxica orientada á subsistencia agraria e a eficiencia enerxética: a) Acequias de ladeira (levadas): canles de pedra que captaban a auga de mananciais superiores, distribuíndoa por gravidade de forma graduada a través dos socalcos, reducindo a tensión hídrica da vide e previndo a erosión do chan; b) Abastecemento e hixiene monumental: sistemas de captación capilar subterránea en mosteiros como Santo Estevo de Ribas de Sil, onde a auga cumpría un circuíto de uso doméstico, produtivo e agrario, constituíndo un modelo primitivo de economía circular; c) Paisaxe de moenda fraccionada: redes de muíños fariñeiros de roda horizontal instalados en subafluentes de alta pendente (o río Xábrega concentrou 28 muíños e 2 batanes en 3 km, aproveitando as fervenzas locais), que aproveitaban a enerxía cinética sen consumir nin contaminar o recurso, devolvendo o caudal íntegro ao ecosistema. No Miño, as pendentes máis suaves permitiron muíños asentados nos remansos fluviais (como en O Sangoñedo ou o río Sardoura), actuando como conectores eco-sociais da poboación.
3) Integración da hidroelectricidade do século XX: as grandes presas modernas deben integrarse como a última capa histórica da evolución tecnolóxica do canón. Desde a perspectiva da saúde ambiental, a auga encorada xera un efecto de inercia térmica que amortece as temperaturas extremas, transformando o microclima local. Aínda que este fenómeno incrementa o réxime higrométrico e a persistencia de néboas artificiais -afectando á presión de fungos fitopatógenos no viñedo-, a viticultura heroica demostrou unha notable resiliencia eco-adaptativa.
4) Cooperación científica internacional e instrumentos de xestión: a folla de roteiro cara 2027 esixe activar misións consultivas con expertos de ICOMOS para auditar os inventarios hídricos conforme a criterios de converxencia metodolóxica. Isto debe complementarse coa blindaxe xurídica unificada dos socalcos e unha redefinición do Valor Universal Excepcional (VUE) que acoute a área protexida a aquelas zonas onde a simbiose entre o relevo, os sistemas agrarios tradicionais e o bosque autóctono (as fragas de carballos e castiñeiros) permaneza incontestable.
A resolución final da UNESCO dependerá dunha rectificación técnica que substitúa a inercia administrativa polo inapelable rigor da ciencia aplicada, que constate que a saúde deste ecosistema radica na súa historia de adaptación mutua. A excelencia documental fará posible que a Ribeira Sacra convértase en Patrimonio Mundial en 2027.
Francisco Peña
Científico, académico, experto en saúde ambiental.





