
Ourense | Manuel Pardo, delegado da Xunta de Galicia, visitou esta mañá o local da Asociación de veciños O Couto, para supervisar o resultado dos traballos de mellora acometidos por esta entidade con cargo a unha subvención do Plan específico de acción comunitaria da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na convocatoria de 2025.
O delegado concretou que no caso desta asociación veciñal, percibiu unha achega para levar a cabo actuacións encamiñadas a optimizar a accesibilidade do local, e implementar melloras que contribúan á eficiencia enerxética e seguridade do recinto, beneficiando directamente ás persoas usuarias da asociación. Pardo lembrou que na resolución da orde deste ano foron beneficiados 90 colectivos veciñais ourensás que solicitaron apoio para 111 proxectos, 67 de obras e 44 de equipamento, co fin de seguir apoiando o seu labor dinamizador no eido local. No caso desta entidade percibiu unha axuda para, entre outras actuacións, mellorar a accesibilidade ao local mediante a construción dunha rampla.
Nesta liña, tamén sinalou a diversidade de actuacións que poden executarse ao abeiro desta liña de apoio. Así, impúlsase a rehabilitación de locais sociais como espazos de encontro, convivencia e participación, a adquisición de equipamento para desenvolver as correspondentes actividades. Pola súa banda, as comunidades de usuarios de augas poden mellorar as traídas veciñais con actuacións nas captacións, canalizacións e depósitos, entre outras.
Actuacións na Asociación de veciños O Couto
O delegado da Xunta detallou que, ao que se refire á mellora das barreiras arquitectónicas do local, substituíronse as portas existentes de madeira dos dous baños de 62,5 centímetros, por unhas máis amplas de 82,5 centímetros para optimizar a accesibilidade dos usuarios da entidade.
No tocante as melloras na eficiencia enerxética, procedeuse á montaxe dunha fiestra de aluminio cun fixo lateral con cristal climalit 4+16+4, mellorando as condicións térmicas desa zona do recinto; á reparación do teito onde se realizan as actividades da asociación para eliminar as humidades; á instalación dunha tarima sintética de madeira na sala dedicada á actividade de ximnasia; e á colocación de luminarias LED na oficina da sede.




