VIII Festival do Viño da Ribeira Sacra en Monforte

Un evento “con identidade propia” na promoción dos viños e do conxunto do territorio, dixo Xosé Tome

Monforte de Lemos | A celebración arrancou na tarde do tres de xullo coa inauguración oficial e o pregón a cargo de Xosé Manuel Silva Rodríguez, unha das personalidades galegas con maior proxección internacional nos ámbitos da agricultura, o desenvolvemento rural, a investigación e as políticas europeas.

O alcalde, Xosé Tomé, destaca a importancia dun certame “que naceu coa finalidade de promocionar e poñer en valor os viños da Ribeira Sacra, un obxectivo común que continúa plenamente vixente, agardando que moi pronto a Ribeira Sacra sexa recoñecida como Patrimonio Mundial”. O éxito acadado por este certame, afirma o rexedor, “susténtase en tres piares fundamentais, a calidade dos viños da Ribeira Sacra, o crecemento de cada edición amparado nunha organización rigorosa e unha liña de coherencia e de imaxe, e a colaboración cos adegueiros”.

O Festival celebrarase durante toda a fin de semana no Paseo do Malecón de Monforte coa participación de 27 adegas e 12 propostas gastronómicas. O programa inclúe obradoiros infantís, dúas Viñorutas pola Ribeira Sacra, catas temáticas e unha masterclass a cargo de Jonas Tofterup, Master of Wine e fundador de Iberian Wine Academy. As actuacións musicais, que se desenvolverán no propio recinto do Paseo do Malecón, correrán a cargo de Xograres de Lemos e A Roda este venres 3, e Galifunk o sábado 4.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.