
Ponteareas/BNG | O BNG celebrou este sábado en Ponteareas un emotivo acto de homenaxe a Xosé Represas no quinto aniversario do seu falecemento. Nel, a líder do BNG e candidata á alcaldía, Cristina Fernández Davila, reivindicou o legado político e humano do primeiro alcalde nacionalista da vila e chamou a “recuperar a ilusión, a ambición colectiva e a política útil ao servizo da xente” para abrir unha nova etapa en Ponteareas.
Baixo o lema “Xosé Represas, semente de futuro”, Fernández Davila pronunciou a intervención central do acto cun discurso cargado de emoción e contido político no que definiu a Represas como “un referente dunha política sen soberbia, baseada no diálogo, na honestidade e no interese colectivo”. A líder nacionalista definiu a Xosé Represas como “desas persoas que sosteñen unha comunidade coa súa presenza tranquila, coa súa palabra firme e coa súa capacidade inmensa para facer sentir á xente escoitada e respectada”, reivindicando o seu legado como “semente de futuro” para Ponteareas.
Ao longo da súa intervención, Fernández Davila lembrou o papel de Represas na transformación de Ponteareas e na recuperación da autoestima colectiva da vila, reivindicando as políticas impulsadas polo BNG en ámbitos como a cultura, o medio ambiente, os servizos públicos, a participación e a defensa do rural.

A líder do BNG contrapuxo tamén ese modelo político coa situación actual do Concello, advertindo de que “Ponteareas retrocede por unha política baseada na propaganda, na improvisación e no capricho, cunha dereita máis preocupada pola imaxe ca pola xestión real dos problemas da veciñanza”.
“Ponteareas merece máis. Merece un goberno que escoite, planificación, ideas e ambición colectiva”, afirmou Fernández Davila, quen asegurou que “o legado de Represas segue sendo incómodo para algúns, porque lembra constantemente que si se pode traballar doutra maneira”.
O acto contou tamén coa intervención de Montse Prado, membro da Executiva Nacional do BNG e vicepresidenta do Parlamento Galego, quen destacou que Pepe Represas foi “desas persoas que non esperan a que as cousas pasen, senón das que actúan para facelas posibles”. Prado puxo en valor o seu compromiso constante con Ponteareas e co país, así como a súa lealdade “ás compañeiras e compañeiros e ao proxecto político colectivo que representa o BNG”.
Pola súa banda, o enxeñeiro de montes e director da Asociación Forestal de Galiza, Xosé Covelo, puxo en valor o papel de Represas na recuperación do monte de Xinzo para a veciñanza e destacou que Ponteareas chegou a converterse nun referente galego no ámbito forestal grazas ás políticas impulsadas polos seus gobernos.
A moza Alba Collazo, familiar do homenaxeado, destacou que o legado de Represas, nun proxecto liderado agora por Cristina Fernández, segue inspirando á mocidade a implicarse en política. “Mozas e mozos estamos dando un paso adiante”, porque ven no proxecto do BNG “unha maneira máis humana, honesta e próxima de facer política” e “unha alternativa para transformar Ponteareas e construír un país mellor”. O acto concluíu cunha ofrenda floral e cun longo aplauso, nun peche marcado pola idea compartida en todas as intervencións de que a figura e o legado de Xosé Represas continúan vivos na memoria colectiva e no proxecto político do BNG para Ponteareas.




