Máis de 100 obras e 30 estreos no Festival de Cans 2026

Presentada a programación co cineasta Julio Medem como principal atractivo

O Porriño | O Festival de Cans, que terá lugar entre o 19 e o 23 de maio, presentou hoxe no Torreiro de Cans (O Porriño) as novidades da súa XXIII edición nunha rolda de prensa na que participaron representantes de institucións, patrocinadores, veciñanza e membros da organización.

O conselleiro de Cultura José López Campos destacou o Festival de Cans como “un evento único pola súa forte implicación comunitaria, o traballo colectivo e a súa relevancia cultural, comparable aos grandes certames internacionais”. Pola súa parte, o director do festival Alfonso Pato apuntou que Cans “é un festival único que fuxe do copia e pega, con identidade propia e enraizado na comunidade local” e que “busca consolidar un concepto, non batir récords de público e recaudación”.

O festival proxectará máis de 100 obras e contará con 30 estreas e unha programación que recolle as reflexións da sociedade contemporánea. Na liña editorial do certame aparecen temáticas como o despoboamento, o medioambiente ou as narrativas LGTBIQ+, abordadas desde múltiples linguaxes e xéneros. Haberá 35 curtametraxes que competirán nas diferentes seccións oficiais, e outras 20 pezas na sección de videoclips, ademais de varias seccións paralelas, entre elas o avance por vez primeira da serie documental El balance de los daños, sobre o final do grupo Siniestro Total, coa presenza do director Mikel Clemente e de Julián Hernández.

Coloquio con Julio Medem
Entre os nomes destacados figura o cineasta Julio Medem, unha das referencias do cinema español contemporáneo. Cunha traxectoria de máis de tres décadas e títulos como Vacas, La ardilla roja ou Lucía y el sexo, Medem participará no coloquio central do Torreiro e colocará a súa estrela. Ademais, o día 19 proxectarase o seu último filme,8.
A inauguración oficial terá lugar o xoves 21 no Círculo Recreativo co filme La buena hija, de Júlia de Paz, coa presenza da directora, dos actores Janet Novás —Chimpín de Prata deste ano— e Julián Villagrán, e do produtor Sergio Grobas.

Día das Novísimas
O festival manterá os seus espazos característicos, como o Torreiro ou o Jalpón de Aurora, e incorporará o Día das Novísimas (20 de maio), dedicado a cineastas menores de 25 anos. A xornada rematará coa Noite dos Veciños, coa estrea da curta Non me movas os marcos, na que participan máis de 40 persoas da aldea.

Cans renderá tamén homenaxe ao actor Celso Bugallo cunha Rúa Efémera e unha retrospectiva de curtametraxes nas que participou. Bugallo, falecido o pasado mes de decembro, foi Premio Pedrigree en Cans no 2005.

Proxección internacional
O certame reforza o seu papel como espazo de conexión profesional, recibindo a máis de 200 profesionais do sector audiovisual. A metade participarán na presentación do Hub Audiovisual da Zona Franca consolidando o festival como ponte entre creación e industria, con presenza de axentes de Galicia, Portugal e outros territorios.

A dimensión internacional verase reforzada coa presenza da cineasta canadense& Andrea Bussmann e co Foco Internacional dedicado ao portugués Paulo Carneiro, un dos realizadores con maior proxección do cinema luso actual. Ambos participarán tamén nos coloquios do certame, por onde pasarán actrices e actores como María Vázquez, Manuel Manquiña ou Uxía Blanco, nunha serie de coloquios realizados en colaboración coa Fundación AISGE; cineastas como Rafa de los Arcos, María Yáñez, Eloy Domínguez ou Álvaro Gago, ademais da Premio Pedigree do festival, Jaione Camborda. A eles uniranse outros recoñecidos profesionais que formarán parte do xurado, como as cineastas Sonia Méndez e Paula Veleiro, as actrices Miryam Gallego e Lorena Iglesias, o produtor Carlos Amoedo ou o actor Xoán Fórneas.

Música e programación para todos os públicos
A programación musical contará con 25 actuacións de estilos diversos, moitas delas vinculadas ás proxeccións, con artistas como De Ninghures, Nat Simons e Aurora Beltrán e Arizona Baby, que estarán no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río, Alana, Laura LaMontagne ou o regreso de The Homens, ademáis da Noite Lasal dos videoclips, que contará no xurado cos músicos Pablo Novoa e Antía Ameixeiras e o cineasta portugués Paulo Pinto.

Ao acto de presentación no Torreiro asistiron o Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos; o Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela; o Delegado Especial do Estado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades; Isabel Blanco, actriz e delegada en Galicia da Fundación AISGE; Cristina Canosa, responsable de Gastronomía e Proximidade de Hijos de Rivera; Melisa Pagliaro, directora de Marketing de Gadis; e Pablo Rodríguez, deseñador de Rei Zentolo, xunto a representantes da organización do festival como Marta Pardo e o director Alfonso Pato, ademais de veciñas e veciños da aldea.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.